Os servizos de emerxencia colaboraron na limpeza dun tramo afectado pola neve para facilitar o traslado dun paciente en Cervantes, Lugo

Publicado por o día 16/11/2019 na sección de Sucesos

Os servizos de emerxencia colaboraron na limpeza dun tramo afectado pola neve para facilitar o traslado dun paciente en Cervantes, Lugo

Na madrugada de hoxe, por mor da intensa nevarada que atinxiu a zona da montaña da provincia de Lugo, os servizos de emerxencia tiveron que intervir para axudar a desbloquear as vías de acceso á parroquia de San Breixo de Vilaquinte e, así, poder facilitar o traslado dun paciente ata o centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 6:00 horas da mañá de hoxe cando unha persoa particular solicitaba axuda para un familiar que necesitaba asistencia médica. No seu relato, o alertante informou que pese a dispoñer dun vehículo adecuado para efectuar o traslado, a acumulación de neve nas estradas bloqueaba o tráfico.

De inmediato, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Becerreá, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos membros de Protección Civil de Cervantes e tamén medios da deputación e do concello de Lugo para a conservación e mantemento das estradas.

Finalmente, os equipos de intervención traballaron por varias horas na retirada da neve e árbores ata restablecer as condicións de seguridade adecuadas para trasladar ao paciente. Unha vez rematada a labor de limpeza da vía, a evacuación ao centro médico puido ser levada a cabo sen ningún outro inconveniente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.