Os servizos de emerxencias fan fronte a un incendio declarado no interior dun barco pesqueiro en Vigo

Publicado por o día 03/12/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Os servizos de emerxencias fan fronte a un incendio declarado no interior dun barco pesqueiro en Vigo

Os servizos de emerxencias actúan arestora nun incendio que comezou na zona de adega dun pesqueiro atracado no Porto de Bouzas, en Vigo.

Segundo puideron comprobar as forzas da orde, ningunha persoa resultou afectada e todos os esforzos se centran agora na extinción do incendio.

Foi unha persoa particular quen, ás 8:45 horas desta mañá, chamou ao 112 Galicia para dar conta do que sucedía nun barco pesqueiro de bandeira inglesa, no que, dixo, estaban a facer labores de mantemento. Con estes datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Vigo, así como dos axentes da Policía Local e Nacional. De feito, foron os axentes do corpo de seguridade quen, a pé de incendio, puideron comprobar que as persoas estaban en bo estado, tamén os tres tripulantes da embarcación.

Neste momento, os equipos de intervención traballan na extinción do lume coa colaboración e apoio do persoal da Autoridade Portuaria.

Arden os felpudos dentro dun edificio en Sada
Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro suceso que causou a alarma entre os veciños dun edificio situado en Sanjurgo Badía, en Sada, pois foron sorprendidos por varios focos de lume que afectaron aos felpudos instalados á entrada das casas.

Como consecuencia dos incendios, as zonas comúns do edificio enchéronse de fume e mesmo tivo que ser atendida unha persoa por síntomas de intoxicación de fume.

Faltaban apenas uns minutos para as dez da noite, cando o 112 Galicia comezou a recibir as primeiras chamadas de veciños deste inmoble da Rúa Sanjurjo Badía por un intenso fume acumulado nas escaleiras sen chegar a percibir con claridade de onde procedía. Pouco despois, mediante a actuación dos servizos de emerxencias, comprobouse que a fumareda formouse por varios focos de lume que afectaban aos felpudos das entradas das casas. Un feito, cando menos chamativo, que os veciños quixeron poñer en coñecemento dos axentes da Garda Civil co fin de coñecer as circunstancias que motivaron este suceso.

A causa do fume, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon in situ a unha persoa que tiña dificultades respiratorias sen que fose necesario o seu traslado.

Pola súa parte, os efectivos do servizo local de Protección Civil de Sada fixeron fronte aos diversos focos de lume, aínda que, desde o 112 Galicia, tamén se informou aos Bombeiros de Betanzos.

Evacuada unha persoa en Vilagarcía por un incendio nun colchón
Ademais, en Vilagarcía, sobre as oito da tarde de onte, unha persoa tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios de urxencia tras producirse un incendio no interior da súa vivenda, nos Duráns. A persoa saíu polos seus propios medios da casa e atopabase consciente aínda que baixo os efectos do alcol, segundo puido comprobar o equipo médico.

Para sufocar o incendio, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos bombeiros da vila e dos membros do servizo local de emerxencias, que confirmaron que ardeu un colchón e algo de roupa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.