Os servizos de emerxencias localizan a unha parella de sendeiristas na serra do Courel

Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Sucesos

Os servizos de emerxencias localizan a unha parella de sendeiristas na serra do Courel

Dúas persoas foron localizadas no concello do Folgoso do Courel na tarde de hoxe grazas ao envío das súas coordenadas ao 112 Galicia facilitadas pola aplicación móbil WhatsApp.

Pasaban escasos minutos das 15:15 horas cando un compañeiro dos sendeiristas contactou co 112 Galicia para informar que dúas persoas do grupo tiñan dificultades para continuar a marcha a causa da neve, cando percorrían unha ruta polo pico de Penaboa, na serra do Courel.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron á persoa o envío das súas coordenadas a través da aplicación de mensaxes instantáneos. Nada máis ter constancia da localización, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil, dos membros do GES de Quiroga e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Deste modo, poucos minutos despois das seis da tarde, a Garda Civil confirmou ao 112 Galicia a localización dos sendeiristas.