Os servizos de emerxencias continúan traballando na A-55 para restablecer a seguridade na vía tras o accidente do camión que perdeu parte da súa carga

Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Galicia,Mos,Sucesos

Os servizos de emerxencias continúan traballando na A-55 para restablecer a seguridade na vía tras o accidente do camión que perdeu parte da súa carga

Os efectivos de emerxencias e as forzas da orde continúan traballando para restablecer as condicións de seguridade na A-55 tras producirse esta mañá un accidente no que se viu implicado un camión cargado de chatarra.

Sucedeu ás 8:40 horas de hoxe na A-55, no punto quilométrico 12, en sentido Tui. Nese punto, un camión que transportaba chatarra envorcou vertendo parte da súa carga nos carrís do sentido contrario da circulación, isto é, en sentido Vigo.

Deste xeito, a circulación viuse interrompida e cinco vehículos que circulaban en dirección contraria resultaron danados.

De feito, unha muller que viaxaba nun deses turismos sufriu un golpe na cabeza e tivo que ser atendida polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Polo momento, séguense a rexistrar problemas na circulación á altura do quilómetro 12 da A-55 en ambos dous sentidos da circulación debido aos traballos de limpeza e mantemento para restablecer as condicións de seguridade na vía.

Na zona están traballando os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendio e Salvamento do Baixo Miño, así como os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

Cómpre lembrar que o operativo activouse ás 8:40 horas de hoxe, cando se recibiron no CIAE 112 Galicia as chamadas de diversos condutores que circulaban nese momento pola autovía.

Outro camión envorcado en Catoira
Ademais, en Catoira, outro camión envorcou e perdeu parte da carga de peixe conxelado que transportaba.

Ocorreu ás 9:30 horas na PO-548, preto do polígono industrial de Bamio, cando o vehículo articulado destinado ao transporte de conxelados envorcou e verteu boa parte da súa carga fóra da vía. Tamén perdeu combustible procedente do seu depósito, polo que interviñeron os bombeiros de Vilagarcía que, mediante a aplicación de terra, confinaron e contiveron a vertedura sen que se produciran riscos.

Igualmente, desde o CIAE 112 Galicia, informouse ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de acometer a limpeza na zona afectada e restablecer as condicións de seguridade para a circulación.

Pola súa banda, o condutor resultou ileso e saíu do vehículo polos seus propios medios.