Os socialistas da provincia de Pontevedra plantean medidas para lotar contra o despoboamento na provincia

Consideran prioritario corrixir o abandono do rural pontevedrés e traballan para incorporar propostas que vaian nese camiño nos programas de traballo para as vindeiras municipais
Publicado por o día 23/03/2019 na sección de Política,PSOE

Os socialistas da provincia de Pontevedra plantean medidas para lotar contra o despoboamento na provincia

A posta en marcha de políticas eficientes que contribúan a fixar poboación no rural pontevedrés e a corrección do histórico déficit de financiamento nalgúns concellos do interior da provincia son algunhas das primeiras ideas que as e os socialistas pontevedreses queren incorporar aos programas de traballo para as vindeiras municipais para loitar contra o despoboamento.

Estas propostas extráense das mesas sectoriais postas en marcha este mes pola agrupación provincial socialista co obxectivo de escoitar e enriquecer as propostas programáticas, que xiraron arredor do compromiso social e do despoboamento.

“A perda de habitantes, especialmente grave en concellos do interior da provincia, a falla de servizos e de oportunidades de desenvolvemento económico son un dos problemas máis importante ao que se enfronta a provincia nos vindeiros anos”, explicou o secretario xeral, David Regades, quen destacou que as administracións públicas “deben ser quen de poder garantir ao conxunto da poboación o acceso homoxéneo aos servizos”, e por iso “debemos traballar para desenvolver propostas que nos axuden nesta loita”.

“Non podemos esquecer que a poboación é cada vez máis maior, hai menos traballo, menos servizos e as mulleres son as maiores prexudicadas pola falta de expectativas laborais, o que provoca o éxodo as cidades ou acaben soportando a

carga dos coidados das casas e das persoas maiores do seu entorno”, explicou David Regades quen destacou o importante esforzo que está a levar adiante a Deputación de Pontevedra para reequilibrar os investimentos e dotar de servizos a todo o territorio a través de programas como o Plan Concellos ou o Plan de Reequilibrio Territorial. “Pero temos que demandar que o resto das administracións galegas busquen soluciones similares que axuden a acabar con este problema que afecta a toda Galicia”, engadiu.

Dez ideas contra o despoboamento

Desde este punto de partida, as e os socialistas da provincia estableceron unha serie de propostas que consideran oportuno incorporar na medida en que sexa posible nas propostas de goberno municipais progresistas para os vindeiros anos. Entre elas, destacaron dez puntos considerados claves como a mellora dos servizos sociocomunitarios e das novas tecnoloxías, a posta en marcha de políticas de discriminación positiva para xerar emprego e actividade económica no rural ou medidas de conciliación laboral, social e familiar e de natalidade.

Ademais, a agrupación provincial considera importante que se leve adiante un apoio decidido aos emprendedores así como aos sectores económicos chave no rural como o primario ou o de servizos, a través de medidas de financiamento especial (xuros especiais, bonificación do IBI) ou cooperación para a captación de fondos europeos, ademais de incentivar ás empresas para que deslocalicen os seus centros de traballo ou campañas para mellorar o censo municipal.

“Apostamos polo mundo rural e o noso compromiso é claro, porque os pequenos núcleos de poboación constitúen a esencia da nosa organización administrativa e por iso demandaremos da Xunta de Galicia e do Goberno central o establecemento de elementos de discriminación positiva na prestación dos servizos básicos de educación e sanidade no medio rural, apostando por un criterio que prime a calidade e proximidade do servizo fronte ao número de usuarios”.