Os socialistas de Vilanova presentan unha lista con formación e experiencia para rematar coas políticas sectarias do Partido Popular

Javier Dios encabeza unha candidatura en cuxa presentación estiveron o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Política,PSOE

Os socialistas de Vilanova presentan unha lista con formación e experiencia para rematar coas políticas sectarias do Partido Popular

O Pazo Vista Real acolleu a pasada noite a presentación da “mellor candidatura posible para Vilanvoa de Arousa” nun acto no que o candidato socialista á alcaldía do concello, Javier Dios, destacou a cualificación, formación e experiencia das 20 mulleres e homes que conforman a lista para rematar co goberno popular neste municipio e que conforman unha lista “comprometida e responsable” que vai traballar por e para Vilanova de Arousa.

No acto, no que estivo acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario do PSdG-PSOE, Gonzalo Caballero, Javier Dios tivo palabras de recoñecemento para ambos, que trouxeron de novo ilusión á familia socialista. De Gonzalo Caballero, Javier Dios fixo mención do novo pulo que trouxo á política galega, “imprimindo entusiasmo aos compañeiros e deixando claro que es a mellor opción para ser o vindeiro presidente da Xunta de Galicia” mentres que a Carmela Silva agradecíalle a experiencia de ter formado parte do equipo de goberno da Deputación Provincial, o que lle permitiu gañar experiencia para afrontar con éxito o reto das municipais.

O cabeza da lista por Vilanova tamén fixo mención especial ao cambio radical que experimentou a Deputación nestes catro anos, coa posta en

marcha dun novo modelo de xestión, “democrático e transparente, no que os fondos destínanse aos concellos atendendo a criterios xustos, equitativos e igualitarios”, que deixan atrás as políticas sectarias e partidistas que caracterizaron aos gobernos no Partido Popular.

Respostas para a veciñanza

“Fronte ao discurso da confrontación, do insulto, da descualificación, fronte ás palabras grosas, nós as e os socialistas ofertamos un proxecto para Vilanova, un proxecto que busca o diálogo, o acordo, o respecto á metade da poboación, as mulleres. Un proxecto centrado nas necesidades e o futuro das veciñas e veciños de Vilanova”, afirmou Carmela Silva na súa intervención na que destacou que “imos pór toda a carne no asador para garantir unha vida e empregos dignos e para que Vilanova ocupe o lugar destacado que se merece, rematando coa vella política, a do medo, a dos favores, a do clientelismo”.

Actuacións da Deputación en Vilanova

A presidenta da Deputación tamén destacou os investimentos levados adiante pola entidade que preside e que supuxeron unha achega de 5,3 millóns de euros nestes catro anos. “Só con Plan Concellos a Deputación de Pontevedra investiu uns 750.00 euros cada ano no concello”, explicou, principalmente destinados a infraestruturas, emprego e actividades. En mobilidade a Deputación investiu case 300 mil euros mentres que en cohesión social investirase ao remate de 2019 máis de medio millón de euros. A todos estes ámbitos hai que sumarlles o de cultura, con máis de 180 mil euros, as instalacións deportivas, nas que se investiron más de 74 mil euros ou actuacións como o acondicionamento no Terrón ou o acondicionamento da ampliación do centro de formación no Pazo de Vista Real, entre outras accións.