Os socialistas levarán ao Parlamento a mellora da seguridade e do firme nas estradas autonómicas que atravesan Vila de Cruces

Publicado por o día 10/02/2020 na sección de Política,PSOE

Os socialistas levarán ao Parlamento a mellora da seguridade e do firme nas estradas autonómicas que atravesan Vila de Cruces

A parlamentaria socialista María Pierres vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar a mellora da seguridade vial nas estradas autonómicas que discorren por Vila de Cruces. Pierres esíxelle á Xunta que en tres meses atenda ás peticións do concellos para mellora a seguridade na PO-960, entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma, e a PO-204, que une a localidade con Bandeira.

En concreto, a responsable socialista alerta do grave risco da coñecida como recta de Piloño, que corresponde ao vial PO-960 ao seu paso polo lugar da Senra, un tramo limitado a 50 quilómetros hora pero no que está permitido o adiantamento de vehículos. Ademais, no tramo non hai beirarrúas, o que incrementa notablemente o perigo para os peóns, que teñen que invadir a calzada a pesares das elevadas velocidades coas que circulan os vehículos.

Os socialistas reclaman a creación dunha senda peonil e beirarrúas que garantan a seguridade dos peóns neste tramo, así como bandas redutoras de velocidade que garantan o respecto ao límite de 50 quilómetros por hora para os vehículos. Ademais, reclaman a mellora do acondicionamento tanto da citada PO-960 como da PO-204, entre Vila de Cruces e Bandeira, ao seu paso polo Concello.

Silencio da Xunta

Pierres lembra que esta situación xa ten sido comunicada á Consellería de Infraestruturas dende o Concello en repetidas ocasións, “e con comunicacións tanto en marzo de 2017 como en outubro de 2019, cando se traslada o acordo plenario aprobado por unanimidade reclamando o acondicionamento das estradas, ao que aínda non ten respondido”.