Os socialistas pontevedreses acusan á Xunta de desvirtuar o Plan Macro de Arranxo de Camiños Rurais cun recorte acumulado do 68%

O secretario xeral, David Regades, revela que o Goberno galego adelgaza “unha das escasísimas subvencións imparciais aos concellos” mentres infla sen control as axudas e os convenios “a dedo” coas Alcaldías do PP
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Política,PSOE

Os socialistas pontevedreses acusan á Xunta de desvirtuar o Plan Macro de Arranxo de Camiños Rurais cun recorte acumulado do 68%

Os socialistas da provincia de Pontevedra denuncian publicamente que coa nova rebaixa deste ano, os recortes acumulados no Plan Marco, unha convocatoria destinada a subvencionar o arranxo de camiños rurais por parte dos concellos, alcanza xa o 68% dende o ano 2016. Un recorte que está a afectar gravemente á totalidade dos municipios da provincia de Pontevedra e moi especialmente aos máis pequenos e rurais.

O secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, considera “un escándalo” este novo exercizo de “escapismo da Xunta de Galicia de todo aquilo que signifique rigor e imparcialidade orzamentaria” e advirte de que mentres as partidas que financian aos concellos de xeito pautado adelgazan ou se manteñen conxeladas, aumentan sen parar as dotacións para subvencións ou convenios a dedo cos concellos con Alcaldías do PP.

“O habitual con esta Xunta de Galicia é que os cartos para os concellos vaian pola porta de atrás, que se reciba a uns alcaldes/as si e outros non e que os do PP saian das xuntanzas anunciando que “conseguiron” ou “xestionaron” cartos para o seu concello”, denuncia Regades, quen engade que este xeito de proceder, que está no ADN do PP, ten un nome moi claro: “caciquismo”.

Os criterios de reparto do Plan Marco páctanse coa FEGAMP, dende hai poucos anos, e gracias a isto conseguiuse que os concellos dispoñan dunha asignación predeterminada na convocatoria da subvención en función da súa poboación, dispersión, territorio e índice de avellentamento. Sen embargo, a Xunta decide a contía que destina ao Plan e nestes últimos anos non fixo outra cousa que reducila. Así o Plan pasou de 20 millóns de euros na convocatoria de 2016 a 8 millóns de euros na de 2017 e, finalmente, queda en só 6 millóns de euros anuais para o bienio 2020-2021 na convocatoria que vén de ser publicada hai escasos días. Se tomamos como referencia a provincia de Pontevedra, baixouse de 3,8 millóns de euros a 1,6 millóns de euros e a 1,2 millóns de euros para este ano, respectivamente. O recorte é, por tanto, de case un 24% este ano, mentres que se toma en consideración o acumulado dende 2016 chega a un 68%.

Para Regades este feito é inadmisible “pois estamos diante dunha subvención á que concorren tódolos concellos galegos porque saben que é do pouco que a Xunta reparte con xustiza sen mirarlle o carné ao alcalde ou alcaldesa”. O secretario xeral socialista esixe da Xunta que concentre na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e no Plan Marco tódalas partidas destinadas ao arranxo de camiños rurais municipais e elimine todo o que está a repartir pola porta de atrás a través dos orzamentos da Vicepresidencia e das consellerías de Medio Rural, Infraestruturas e Medio Ambiente, “auténticos chiringuitos clientelares para dopar ás Alcaldías do PP”.

O responsable dos socialistas pontevedreses engade que, unha vez máis, a gravidade vese acrecentada polo feito de que a Xunta fai caciquismo cos fondos europeos, pois o Plan Marco conta cunha subvención Feader dun 75% e outra do Goberno do Estado dun 7,5%. De feito a Xunta achega pouco máis dun millón de euros de fondos propios sobre o total de 6 millóns que se reparten este ano en toda Galicia.

David Regades subliña que estas “trapalladas” da Xunta de Galicia súmanse á conxelación do Fondo de Cooperación Local, que leva varios anos reducido ao 2,3% da recadación tributaria galega, “cumprindo así con evidente desgana a obriga constitucional de repartir parte dos tributos que recada a Xunta entre as entidades locais”. “A Feijoo gústalle moito protestar tódolos días polo IVE estatal que lle deixou a deber Montoro, pero non lle gusta nada que os concellos esíxanlle o que constitucionalmente lles pertence dos tributos autonómicos”, afirma o secretario dos socialistas da provincia de Pontevedra.

Regades recalca que os propios Orzamentos da Xunta confirman este esquema clientelar no financiamento local, pois dos 401,9 millóns de euros destinados a transferencias aos concellos nas Contas deste ano só 112,9 engrosan o FCL. “Ou sexa, que apenas un terzo vai polo libro, e o resto, a dedo”, conclúe, “un auténtico escándalo que é necesario corrixir canto antes por pura hixiene democrática”.