Os socios do Centro Galego de Barcelona divisan a cidade desde o Parque Natural de Colleserola nunha nova camiñada

Publicado por o día 28/10/2019 na sección de Social

Os socios do Centro Galego de Barcelona divisan a cidade desde o Parque Natural de Colleserola nunha nova camiñada

As camiñadas organizadas polo Centro Galego de Barcelona levaron onte aos seus socios a divisar a cidade e os seus arredores desde o Parque Natural de Collserola, un enclave situado nun dos extremos da propia capital catalá e ao que se pode chegar desde a mesma en transporte urbano. Esa proximidade e facilidade de acceso, xunto co alto interese do seu patrimonio natural e cultural, fan de Collserola unha visita obrigada para quen desexe coñecer Barcelona máis aló da súa faceta meramente urbana.

Por outra banda, e a pesar de non ter unha gran altura, o Parque ofrece unhas vistas amplas e únicas de Barcelona, a súa fachada marítima e comarcas como o Vallés, o Garraf, o Maresme, así como a Serra Litoral e o Montseny, entre outras zonas. Os participantes nesta nova excursión do Centro Galego de Barcelona puideron, ademais, percorrer distintos picos destacados e contemplar masías tradicionais, fontes e outros vestixios históricos. Igualmente, algúns deles prolongaron o roteiro ata o Tibidabo, unha das dúas montañas urbanas de Barcelona. A excursión abarcou un percorrido de 19 quilómetros, que se estendeu a 20,5 no caso dos que optaron por completala co paseo polo Tibidabo.

O Centro Galego de Barcelona programa saídas periódicas a enclaves naturais de Cataluña que destacan pola súa paisaxe, natureza e historia, co dobre obxectivo de fomentar a convivencia entre os socios e de ampliar o seu coñecemento sobre o territorio catalán.

Fotos da camiñada

Comentar noticia

Your email address will not be published.