Os socios do proxecto europeo CeanTlantic avazan na monitorización do lixo mariño con tecnoloxías como drons e aplicacións móbil

A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, clausurou hoxe en Vigo o seminario deste proxecto, organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar da man do Instituto Español de Oceanografía
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de Galicia,Mar,Medio Ambiente,Vigo

Os socios do proxecto europeo CeanTlantic avazan na monitorización do lixo mariño con tecnoloxías como drons e aplicacións móbil

Unha ducia de expertos de diferentes institucións e entidades que veñen desenvolvendo accións relacionadas co lixo mariño tanto no marco do proxecto europeo CleanAtlantic, que coordina a Fundación Cetmar, como a través doutras iniciativas, puxeron de manifesto hoxe en Vigo os avances na monitorización do lixo mariño co uso de diferentes tecnoloxías como drons, satélite, aplicacións para móbiles e tablets. Foi no marco do seminario Avances en monitorización e modelado de lixo mariño, do proxecto europeo CleanAtlantic, organizado pola Fundación Cetmar en colaboración co Instituto Español de Oceanografía-Vigo.

A apertura desta xornada, que reuniu a máis dun cento de asistentes, correu a cargo das directoras do CETMAR e do IEO-Vigo, Paloma Rueda e Mª Victoria Besada, e foi clausurada pola secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro. Nela tamén se presentaron os resultados preliminares dos traballos que se están a realizar con estas tecnoloxías e os avances nos modelos matemáticos para predicir o comportamento e o transporte do lixo mariño, que están permitindo elaborar mapas de zonas de acumulación de cara a planificar posibles actuacións de limpeza e retirada de residuos.

Este tipo de traballos é obxecto do proxecto europeo CleanAtlantic, financiado polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico da Unión Europea e coordinado pola Fundación Cetmar. Esta iniciativa busca a mellora do coñecemento e das capacidades de prevención, monitorización, modelización e redución do lixo mariño, aproveitando e compilando as experiencias existentes nestes ámbitos, na procura de resultados de aplicación para investigadores, institucións e a sociedade en xeral. Isto permite aos seus expertos determinar a procedencia das verteduras, o percorrido nestes residuos no mar ou as súas áreas de acumulación.

Tamén pretende contribuír a concienciar e cambiar a actitude dos actores implicados e a mellorar os sistemas de xestión do lixo mariño a través de accións de divulgación nos países que participan neste proxecto, que son España, Portugal, Francia, Reino

Unido e Irlanda. Neste sentido, durante a clausura, a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, fixo fincapé en que a loita contra a contaminación mariña é un dos principais retos ambientais da Xunta e un aspecto que figura na súa axenda desde hai tempo.

Ademais puxo de relevo a necesidade de actuacións de concienciación ambiental dirixidas á cidadanía, tanto á mocidade e aos adultos, como a todos os axentes do sector, co obxectivo de coidar e conservar a nosa contorna. Nesta liña sinalou que o futuro pasa por converter os residuos en recursos, fomentando a economía circular baseada en rexeitar, reducir, reutilizar, reparar, reciclar e en responsabilidade.

Dentro de CleanAtlantic cabe destacar as actuacións que se levarán a cabo coa participación da Confraría da Illa de Arousa, ademais das que está a realizar Intecmar en colaboración co Instituto de Educación Secundaria Illa de Arousa – verificacións in situ das zonas de acumulación de residuos e comparación destas observacións cos resultados obtidos cos modelos numéricos-. Todas estas acción unidas ás que están previstas con pescadores e mariscadoras, coa comunidade escolar e co Instituto Galego de Acuicultura, permitirán mostrar a implicación e o compromiso da comunidade costeira na loita contra o lixo mariño.

Outras iniciativas

O seminario tamén serviu para dar a coñecer os resultados doutras iniciativas desenvolvidas en Galicia relacionadas co lixo mariño como o proxecto Litter Drone da Universidade de Vigo ou as accións desenvolvidas polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, onde chegaron a recollerse 50.000 cabichas na praia de Rodas nun ano e onde o 33% dos residuos son plásticos.

Cetmar expuxo tamén o seu traballo no proxecto Marine Litter Style, financiado por Inditex e desenvolvido xunto á empresa Chicolino e as Autoridades Portuarias de Vigo e Marín-Pontevedra. Esta iniciativa vén desenvolvendo diferentes accións en colaboración con Opromar, a Federación de Confrarías de Pontevedra e Portos de Galicia. Traballa no establecemento dun sistema integrado de xestión en mellora do reciclaxe dalgúns destes refugallos, concretamente botellas e redes, para convertelos en materia prima para a industria textil. Así, ata a data, e coa axuda de seis arrastreiros de Opromar recolléronse 7.000 quilos de lixo mariño do que, estiman, un 20% é susceptible de valorizar. A estas campañas de recollida sumaranse a partir deste mes 10 confrarías pontevedresas.