Os socios dos goberno socialista de Redondela piden que se respete a sentencia sobre a PassVigo

O mércores 5 de febreiro de 2020 ditouse a sentenza pola que se declara contraria a dereito a esixencia do empadroamento para a obtención da nova tarxeta de transporte PASS VIGO.
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,AER,Política,Redondela

Os socios dos goberno socialista de Redondela piden que se respete a sentencia sobre a PassVigo

O mércores 5 de febreiro de 2020 ditouse a sentenza pola que se declara contraria a dereito a esixencia do empadroamento para a obtención da nova tarxeta de transporte PASS VIGO.

Polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo ditouse o mércores día 5 de febreiro de 2020 a sentenza na que se declara que é contraria ao ordenamento xurídico a esixencia do empadroamento como condición para a obtención da nova tarxeta de transporte PassVigo.

Con esta sentenza toda a veciñanza de Redondela resulta beneficiada ao poder obter a tarxeta de transporte urbano. Neste sentido indicar que os veciños e veciñas de Redondela xa eran beneficiarios/as da “tarxeta verde” pola que podían desfrutar da tarifa reducida.

Entre os diversos motivos polos que se estima a sentenza, alégase que na normativa do Concello de Vigo (ordenanza, ou acto administrativo) non se establece a condición de estar empadroado para ter acceso á tarxeta de pago para ter acceso ao transporte urbano de viaxeiros.

Pero o motivo principal para a estimación da demanda é que na diversa normativa que regula o transporte público de persoas é que este pode ser utilizado por calquera persoa sen que poida “limitarse” ou “discriminarse” o seu uso por calquera razón, entre elas por cuestión de empadroamento.

Sen embargo, hai que ser cautelosos porque contra dita sentenza pode interpoñerse recurso de apelación. En todo caso, e mentres non se dite outra sentenza, os veciños e veciñas de Redondela poden obter a tarxeta PassVigo para poder usar e desfrutar do transporte urbano colectivo de viaxeiros.

Dende a Agrupación de Electores de Redondela 2015 e 2019 sempre fomos claros coa nosa postura en relación a este tema. Así lla transmitimos estes días á actual alcaldesa, e así lla transmitimos ó anterior alcalde D. Javier Bas no seu día. Así o plasmamos para todas e todos vós, no noso Boletín de marzo 2018.

Pero Don Javier Bas saíu esta semana no seu Facebook declarando, antes que ninguén (como puido coñecer o texto da sentenza privada antes de que chegara ó propio Concello?), que a sentenza era unha vitoria do seu equipo, e que seguira adiante sen o apoio de ninguén.

E NON:

1.- Javier Bas: o recurso foi presentado polo Concello de Redondela, non polo Partido Popular de Redondela, nin por Javier Bas coma persoa física. Durante os seu 8 anos no goberno, esta confusión pola vosa parte foi constante, pero parécenos chamativo que sigan a estar confundidos, incluso, cando xa non están no goberno.

Teña coidado, porque tamén saíu unha sentenza esta mesma semana en contra do Concello de Redondela, polas malas praxes do seu equipo anterior de goberno: vai saír no seu Facebook tamén dicindo que grazas á xestión de D. Javier Bas Corugeira o Concello vai ter, probablemente, que pagar cartos a unha ex-traballadora,… ou vai pagar eses cartos dos seus peto? Non. Porque cando vostede foi alcalde foi só un traballador do Concello de Redondela. E é o Concello de Redondela quen responde polo seu traballo, quen paga ou quen se beneficia das sentenzas, estea vostede ou non no poder.

2.- A postura que no seu día defendeu o Goberno de Redondela non foi en solitario. AER, dende o minuto cero, despois de debater e analizar nas súas asembleas abertas, tamén entendeu coma un argumento discriminatorio o requisito de estar empadroado en Vigo para recibir unha exención no transporte. Por se non se acorda, aquí vai o noso Boletín onde explicamos a historia da Área Metropolitana e a nosa postura en relación a Pass Vigo (colgado publicamente na nosa web):

“Aplaudimos que Javier Bas non ceda ante a chantaxe do alcalde de Vigo, pero lamentamos o pouco valor que ten cando traga con calquera ditado da Xunta.

Deberíamos finalmente facer unha reflexión de como se asumiu o feito de que Vigo deba subvencionar aos seus veciños e non aos de fóra. Vigo ten a obrigación de subvencionar a todas as persoas por igual, do mesmo xeito que o debe facer Redondela. Vigo finánciase, coma calquera concello, con impostos e taxas propios, pero tamén con aportacións do Estado, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Os cartos de Vigo non son só de Vigo e a demagoxia que está a utilizar Abel Caballero neste tema debería de facer ruborizar a calquera veciño da cidade olívica.

Do mesmo xeito, tamén os veciños, usuarios da Tarxeta Verde, que dende Chapela lle dan a razón pola defensa que fai da súa cidade e de como gastar o seu diñeiro, deberan ruborizarse; porque se Abel Caballero tivera razón na súa argumentación.. quen levaría anos facendo uso indebido das bonificacións?” Boletín de Marzo 2018.

3.- E agora? Nós pensamos que esta sentenza non é favorable a Javier Bas nin contraria a Digna Rivas. Non é unha loita política entre a Xunta de Galiza (hoxe PP) e o Concello de Vigo (hoxe PSOE) con Redondela coma campamento base.

É unha realidade que nos afecta ós veciños e ás veciñas do municipio que temos a Vigo coma unha cidade referencia á que nos trasladar para traballar ou gastar do noso tempo de ocio.

Somos contrarios a politizar as xestións administrativas e xudiciais e a deber favores que condicionen as nosas posturas. Nós traballamos por ideas, non por amizades.

E o que temos claro é que esta sentenza nos favorece a todas as persoas do noso concello que cremos que as entidades públicas deben potenciar e facilitar o transporte público.