Os técnicos do Sergas descartan que as filtracións de auga producidas no HULA se deban a deficiencias estruturais do edificio

Proxectado en 1998 e cunha data prevista de inuguración de 2002 o hospital foi inaugurado en 2010 cun custe superior aos 220 millóns de euros
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de Galicia,Lugo,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Os técnicos do Sergas descartan que as filtracións de auga producidas no HULA se deban a deficiencias estruturais do edificio

Proxectado en 1998 e cunha data prevista de inuguración de 2002 o hospital foi inaugurado en 2010 cun custe superior aos 220 millóns de euros. Ten unha superficie de 166.000m2, ten 869 camas, 19 quirófanos e un heliporto.

Os equipos técnicos do Servizo Galego de Saúde e do Hospital Universitario Lucus Augusti, analizada a situación producida onte, descartan que as acumulacións de auga producidas en varias áreas do hospital se deban a deficiencias estruturais do edificio.

Ao longo da tarde e noite de onte, e durante toda a mañá de hoxe, técnicos e persoal especializado do Sergas revisaron e supervisaron todas as zonas afectadas, avaliaron os danos producidos e emitiron un informe no que se conclúe que a acumulación de auga se debeu á grande cantidade de choiva caída nun espazo moi curto de tempo.

Isto provocou que as arquetas de desaugue que van desde as baixantes e canalóns dalgunhas zonas do centro hospitalario ata a rede de saneamento xeral non fosen capaces de absorber e eliminar a inxente cantidade de choiva, e que nalgúns puntos se desbordaran, provocando filtracións ao interior do inmoble, que afectaron, sobre todo, á planta 0.

Revisada tamén a estrutura exterior do edificio e as cubertas, comprobouse que non sufriron danos, e que responderon adecuadamente á gran acumulación de auga que se produciu nelas. Hai que salientar que as cubertas do hospital soportaron unha gran acumulación de líquido, que se eliminou en moi pouco tempo sen que houbese nelas ningunha filtración, concentrándose o problema na capacidade de absorción das arquetas de desaugue que comunican o sistema de eliminación de augas pluviais do hospital coa rede xeral de saneamento.

Neste senso, desde que o hospital se construíu e está en funcionamento o sistema de condución e eliminación de augas pluviais funcionou sempre correctamente, eliminando sen problemas toda a choiva caída nos últimos anos.

Polo tanto, cómpre insistir en que o incidente de onte foi debido á gran cantidade de auga acumulada en pouco tempo, e non a defectos estruturais do edificio nin no seu mantemento, que se fai de xeito regular todas as semanas. Precisamente isto foi o que fixo que a eliminación de agua de todas as cubertas fose rápida e regular e non houbese ningunha canalización atascada, nin filtracións a través delas, a pesar de que o Hospital Universitario Lucus Augusti ten miles de metros cadrados de cuberta.

As zonas afectadas polas acumulacións de auga foron, principalmente, corredores, despachos e algunha sala de espera da planta 0, que non afectaron á actividade asistencial. Nestes momentos a situación é de normalidade.

Os servizos técnicos do Sergas seguirán a analizar a situación para determinar as melloras que teñan que producirse e adoptar as medidas oportunas, de xeito que esta situación non se volva repetir.