Os todoterreo son unha nova ameaza para o clima

Ecoloxistas en Acción mostrou nun informe que case a metade dos vehículos vendidos este ano foron SUV (os todoterreo modernos).
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Eventos

Os todoterreo son unha nova ameaza para o clima
Segundo o novo informe de Ecoloxistas en Acción, ‘Os SUV contra o clima’, os vehículos SUV (siglas en inglés para Vehículo Deportivo Utilitario) son xa os vehículos máis vendidos no Estado español. De feito, a súa cota de mercado alcanzou o 41% en 2018 e, no que vai de 2019 xa estaría nun 44%. É dicir, case a metade dos vehículos que se venden agora mesmo son SUV.
 
Estes vehículos son moito máis pesados e menos eficientes, polo que teñen un consumo de combustible maior e, en consecuencia, maiores emisións de gases de efecto invernadoiro. Isto sería, segundo Ecoloxistas en Acción, a explicación á subida das emisións de CO₂ nos coches novos desde 2016.
 
Durante os últimos anos lográronse melloras na eficiencia dos vehículos, que levarían a unha diminución nas emisións dos vehículos entre os anos 2008 e 2016. Pero a partir de 2016 produciuse un notable aumento de emisións, que está ligado ao aumento de vendas de coches máis pesados, sobre todo os SUV.
 
O estudo cita como exemplos algúns dos SUV máis vendidos en 2018 no Estado español, como o Nissan Qashquai. Incluso o Qashquai que menos emite supera os 120 gramos de CO₂/km, por encima da media dos vehículos vendidos ese ano. O caso dos SUV de gamas altas, como o Mercedes GLC é aínda peor, xa que rozan os 300 g CO₂/km.
 
A análise de Ecoloxistas en Acción deixa claro que a subida das emisións de CO₂ non se debe á diminución de vendas dos vehículos diésel, como se argumentou a miúdo. Para iso analiza os datos de emisións dos vehículos diésel illados dos de gasolina, comprobando que hai unha tendencia á alza de emisións tamén nos vehículos diésel. Obsérvase ademais que as medias de emisións de CO₂ para os gasolina e os diésel son practicamente as mesmas.
 
A partir destes datos, Ecoloxistas en Acción propuxo unha reforma do imposto de matriculación, IEDMT, de maneira que se grave por cada gramo de CO₂ por quilómetro. Esta medida xa se puxo en marcha en Finlandia con moi bos resultados.
 
Así mesmo, o estudo advirte do desastroso impacto que tería un plan renove de vehículos nestes momentos, xa que conduciría a un notable aumento das emisións no sector do transporte.
 
Nuria Blázquez, coordinadora de transporte de Ecoloxistas en Acción: “Nun contexto de crise climática, comprar un coche con emisións moi altas non debería estar permitido. É unha ameaza contra todas as persoas que habitamos o planeta polo que pedimos polo menos un aumento dos impostos para estes coches. Esperamos que pagar máis faga reflexionar á xente antes de comprar un vehículo que é nocivo tanto para a súa propia supervivencia como para a das súas fillas e fillos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.