Os trens turísticos de Galicia contan cun novo punto de información en Santiago de Compostela para a venda de billetes

Está situado no Mosteiro de San Martiño Pinario e enmárcase na colaboración entre a Xunta, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico
Publicado por o día 13/04/2019 na sección de Turismo

Os trens turísticos de Galicia contan cun novo punto de información en Santiago de Compostela para a venda de billetes

Os Trens Turísticos de Galicia contan cun novo punto de información en Santiago de Compostela para a venda de billetes, dentro do marco da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para promover o turismo de Galicia e o ferrocarril como medio de transporte.

Con vistas á sétima tempada que dará comezo en xuño habilitouse esta oficina situada na entrada museística do Mosteiro de San Martiño Pinario, onde se informa e se comercializarán os billetes desta experiencia turística que permite percorrer Galicia en tren a través de máis de dez itinerarios tematizados baseados en recursos como o patrimonio natural, a enogastronomía, a Ruta da Camelia, a Ruta da Lamprea ou a cultura galega. Cada unha das rutas pódese realizar nunha única xornada e, ademais da viaxe en tren, ofrece servizo de guías especializados durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar e entradas a todos os puntos de interese.

O horario de funcionamento deste punto de información en tempada baixa é de 11,00 a 14,30 horas e de 15,30 a 19,00 horas de luns a venres. O sábado abrirase tamén pola mañá, de 11,00 a 15,00 horas. Durante a tempada alta e coincidindo co funcionamento da nova edición dos Trens Turísticos de Galicia -de xuño a outubro- o horario ampliarase de 10,00 a 14,30 e de 15,30 a 20,00 horas de luns a venres e os sábados será de 10,00 a 15,00 horas.

Nestas semanas estase a dar información sobre o produto así como comercializando o resto de servizos de Renfe, trens de Media e Longa Distancia e Internacionais. Os billetes dos trens turísticos poñeranse á venda en datas próximas e, amais de nesta oficina, tamén poderán adquirirse na páxina web de Renfe ou a través de axencias de viaxes concertadas.