“Agora está prohibido cortar un carballo”, “Non se lle pode poñer unha rede ás cerdeiras para evitar que os paxaros coman as cereixas porque ven o Seprona e múltate” ou “Agora está prohibido apañar piñas no monte para acender o lume”, son frases que máis dunha vez teremos escoitado.
Sen embargo, ¿Que hai de certo nestas afirmacións: teñen base legal ou son meros rumores que non se corresponden coa realidade? Para aclarar a situación solicitamos información á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e esta é a resposta que nos trasladan.
1) “Non existe ningunha normativa que prohiba poñer redes para protexer o froito dos paxaros”
Sobre as árbores de froita, dende a Consellería de Medio Rural aseguran que “non existe ningunha normativa que prohiba poñer redes as froiteiras para protexer as froitas dos paxaros”.
Sen embargo, na comunidade veciña de Asturias, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil advirte que protexer, por exemplo, a colleita de cereixas instalando redes ao redor das árbores pode facerse a condición de que non sexa prexudicial para a fauna. Así, poñer redes dobres nas que os paxaros quedan atrapados si que pode ser sancionable. Sen embargo, protexer a colleita cunha malla simple, e de tecido fino para evitar que o paxaro poda introducirse e quedar enganchado, non suporía ningún tipo de multa.
2) As piñas poden ser collidas.
En canto á suposta prohibición de coller piñas no monte, unha práctica habitual para empregalas para prender o lume, dende a Consellería do Medio Rural aclaran que “si que poden ser recollidas, a non ser que se entenda que o propietario dá terra fai un uso económico delas”. A menos que exista unha prohibición do propietario, poden ser apañadas sen problema.
“Erroneamente pénsase que son alimento para os esquíos para obter piñóns. Non hai prohibición ningunha neste sentido e, aínda máis, os esquíos obteñen as piñóns das piñas pechadas na árbore, non das que caen ao chan”, subliñan.
3) Non está prohibido cortar carballos.
“Os carballos non están protexidos, pero si está regulamentado o seu aproveitamento sendo necesaria autorización como para calquera especie de crecemento curto”, precisan dende Medio Rural.
Neste sentido, como calquera outra especie non protexida, poden cortarse realizando previamente unha comunicación á Consellería. Se é para aproveitamento para uso propio (leña, vigas…etc), sen que haxa venda comercial, o límite é de ata 10 m3 por propietario/ano.
Se os carballos están dentro de espazos protexidos (Parques Naturais, Reservas da Biosfera, Rede Natura…etc) a lei di que para cortalos é precisa unha autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.