Os vigueses Gerson Iglesias e Carlos Barreira, Premio Especial do público “De Tapas por Galicia”

Rubén González e Sergio Orge, de Pontevedra, recibiron o premio Mellor Cociñeiro na gala organizada por Turismo de Galicia á que asistiron os chefs galardonados nos concursos de petiscos das sete cidades
Publicado por o día 05/07/2016 na sección de Alimentación,Eventos

Os vigueses Gerson Iglesias e Carlos Barreira, Premio Especial do público “De Tapas por Galicia”

Os chefs vigueses Gerson Iglesias e Carlos Barreira, do espazo gastronómico Ruxe Ruxe, recibiron onte o Premio Especial do público na Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, celebrada na Cidade da Cultura. Mentres, os pontevedreses Rubén González e Sergio Orge foron galardoados por un xurado profesional co Premio Mellor Cociñeiro.

A receita viguesesa, un `Pepito de polbo en pan rústico con allada texturizada foi recoñecida por integrantes do público da Gala, elixidos por azar. A creación, gañadora do concurso Petisquiño en Vigo, inclúe polbo de Ons, pan aromatizado con cinco algas diferentes, brotes ecolóxicos e pisto de verduras, todo nun pequeno bocado informal e moderno. Os gañadores en ambas as dúas categorías foron galardoados cunha estancia dunha fin de semana nun balneario galego; e cun trofeo creado especificamente para a cita polo escultor Luís Loureira.

Os gañadores das edicións de 2015 dos concursos de petiscos das sete cidades de Galicia xuntáronse para un evento de cociña en directo organizado por Turismo de Galicia co obxectivo de potenciar o turismo urbano e gastronómico, aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos. No acto estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

No evento, presentado por Yolanda Vázquez e Quique Morales, os chefs remataron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación. O xurado profesional valorou a orixinalidade e o respecto polo produto galego da tapa gañadora. Formaron parte do panel de expertos Miguel Ángel Campo (presidente do Grupo Nove), Alfonso Cabaleiro (presidente de Galicia Calidade), José Manuel García (xornalista da Radio Galega), Marta Fernández Vázquez (directora do Centro Superior Hostalería de Galicia) e Cesáreo González Pardal (secretario do Clúster de Turismo).