Os vigueses poderán subir de balde no bus histórico para conmemorar o día europeo sen coches

Vitrasa convida aos cidadáns de Vigo a celebrar o 50 aniversario da compañía facendo un percorrido polo centro da cidade nun dos primeiros buses da empresa
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Galicia,Vigo

Os vigueses poderán subir de balde no bus histórico para conmemorar o día europeo sen coches

O vindeiro día 22 de setembro, coincidindo co Día Europeo sen coches, Vitrasa sacará á rúa o seu Bus Histórico “O Cometa”, símbolo da compañía pertencente á primeira frota que se presentou en Vigo no ano 1968. O obxectivo é que as viguesas e vigueses poidan coñecer un pouco máis da historia da compañía, conmemorando deste xeito o 50 aniversario da empresa.

O Bus Histórico arrancará do Paseo de Alfonso ás 10.00 horas con saídas cada 30 minutos ata as 14.00 horas e dende as 16.30 ás 20.00 horas (derradeira saída). Os usuarios poderán acceder ao
Bus en todas as paradas do seguinte percorrido: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral e volta por G. Barbón, Porta do Sol e Paseo de Alfonso. A capacidade máxima durante
o percorrido será de 20 persoas.

Vitrasa destaca que o proceso de restauración do ´Cometa´ realizouse durante meses tratando de conservar o modelo orixinario de 1968 co obxectivo de achegar aos cidadáns parte da súa historia. A empresa leva 50 anos evolucionando coa cidade, prestando un servizo de calidade que responde ás necesidades do usuario.

Bus Turístico e liña C1

Ao igual que o ano pasado, o Bus Turístico de Vitrasa será tamén gratuíto o 22 de setembro para que os vigueses poidan coñecer, de primeira man, a ruta que realiza habitualmente este autobús. Trátase dun servizo dirixido principalmente aos turistas e que é empregado anualmente por preto de 8.000 persoas.

A través desta iniciativa, os veciños de Vigo terán a oportunidade de coñecer os principais puntos de interese turístico da cidade dunha forma diferente. Durante o percorrido, que dura aproximadamente unha hora e media, os viaxeiros poderán apreciar as fermosas vistas da ría desde o monte do Castro, o miradoiro de Alfonso XII ou as praias de Samil, entre outros lugares.

Vitrasa convida aos cidadáns de Vigo a celebrar o 50 aniversario da compañía facendo un percorrido polo centro da cidade nun dos primeiros buses da empresa.  Ao igual que o ano pasado, para poder acceder ao Bus Turístico os interesados terán que facer a súa reserva vía telefónica

As rutas partirán da parada de bus do C.C. A Laxe ás 10:00, ás 12:00, ás 16:30 e ás 18:30 horas. Para poder acceder a este servizo, os usuarios interesados terán que facer a súa reserva no teléfono 986207474, de 9:00 a 14:00 horas dende o 17 ao 20 de setembro podéndose reservar praza para un máximo de 8 persoas por chamada, achegando número de DNI e teléfono de contacto.

Tamén será gratuíta a liña C1 cos seus horarios habituais. Esta é unha das liñas con máis usuarios -unha media de 3.000 persoas empregan esta liña en sábado-, xa que realiza o seu percorrido por numerosas paradas do centro da cidade.

Máis dunha década participando na Semana Europea da Mobilidade Desde hai doce anos, Vitrasa vénse sumando a esta iniciativa europea que ten por obxectivo fomentar o emprego do transporte público na cidade e concienciar da necesidade de reducir os
índices de contaminación nas grandes urbes e contribuír a unha mobilidade urbana sostible.