Óscar Ibáñez & Tribo en concerto

Publicado por o día 03/07/2018 na sección de Eventos,Galicia,Marín

Óscar Ibáñez & Tribo en concerto

O luns 9 de xullo ás 22:30 h no Parque Eguren de Marín o gaiteiro e frautista poiense OSCAR IBÁÑEZ ofrecerá un concerto especialmente deseñado para as FESTAS DO CARME coa colaboración dun centenar de músicos.

Deste xeito actuará acompañado dunha gran TRIBO formada polos seus músicos habituais Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo, Andrés Vilán, percusión e batería, e un cento de CONVIDADOS das agrupacións locais Trompos ós Pés, Airiños de San Xulián, Os Chaneiros ou a Banda de Música de Marín, e artistas como a cantante marinense Montse Ogando, a percusionista sanxenxina Carla Villanueva ou a bailarina ferrolá Eva Faraldo.

No concerto de aproximadamente 2 h de duración o gaiteiro repasará os temas dos seus traballos discográficos “ALÉN DO MAR” e “AIRES DE PONTEVEDRA” ao tempo que interpretará algúns dos temas populares máis característicos de Marín, que arranxou con todo agarimo para a ocasión.

Segundo o artista este espectáculo de gran formato é un dos proxectos de maior magnitude que ten levado a cabo nos últimos anos polo agradece a confianza e aposta do Concello de Marín a e a implicación das agrupacións e artistas locais.

TRAXECTORIA MUSICAL

OSCAR IBÁÑEZ é un gaiteiro e frautista fascinante que realiza unha fusión musical sen límites partindo das raíces, a medio camiño entre investigación e creación, que ten como resultado un novo e único son.

Os seus comenzos tiveron lugar nos grupos Treboada (Poio), Celme (Pontevedra), co que percorreu toda Europa, e Pai da Cana (Poio). Realizou a súa labor docente en diferentes escolas de música do país e máis con centros galegos de 10 países de Europa e América a través da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, foi quen de acadar máis de 40 premios tanto en dixitación aberta como pechada.

Despois dunha ampla formación musical académica participou en máis de 20 traballos discográficos, entre os que destacan os seus traballos en solitario ALÉN DO MAR (VIR, 2012) e AIRES DE PONTEVEDRA. Homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento (Inquedanzas Sonoras, 2017) e publicou os libros-CD “OS MONTES DE LUGO” (Ouvirmos, 2007), “O QUINTETO MONTERREY DE JOSÉ POSADA. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes, 2009) e “XOÁN TILVE GAITEIRO DE CAMPAÑÓ. Gravacións Históricas de Xosé Filgueira Valverde” (aCentral Folque, 2015). Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e dende 2006 impulsou e dirixiu diferentes espectáculos en Galicia e Cantabria como “MUSGAFOL”, “ENCONTRO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA GAITAS DE FOL DO NOROESTE” ou “JUELLES: ENCUENTRO DE GAITAS EUROPEAS”.

A súa banda de directo OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO está formada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria que formaron parte das bandas dos artistas máis destacados da música folk galega como Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo e Andrés Vilán, batería e percusión.

Con esta formación OSCAR IBÁÑEZ levou a súa música por toda la península, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como o Festival Intercéltico de Lorient (Lorient, Bretaña), Festival Capodanno Céltico (Milán, Italia), Festival Internacional da Máscara Ibérica (Lisboa, Portugal), Festival Inter-Atlântico de Gaita de Foles (Ponte de Lima, Portugal), Festival do Mundo Celta de Ortigueira (Ortigueira, Galicia), Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, Galicia), Festival de la Luz (Boimorto, Galicia), Festival Folk de Guísamo (Bergondo, Galicia), Festival Folk As Pontes (As Pontes, Galicia), Festival Internacional Celta Reino de León (León), Festival Folk Canarias (Gran Canaria), Festival Sauga Folk (Colindres, Cantabria) ou o Festival Intercéltico d’Occidente (Asturias), entre outros.