– O candidato do Bloque á alcaldía fixo un chamamento ao votos das persoas indecisas para que o cambio na cidade sexa posible
– Manuel G. Moreira explicou as principais propostas nacionalistas en política social e destacou que o Concello ten que contribuír a evitar os lanzamentos
O cabeza de lista do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, deu “a voz de alarma as persoas da nosa cidade que neste momento aínda non teñen decidido o voto”, para que poñan na balanza por unha lado a quen defenden máis e mellores servizos sociais, como é o Bloque, fronte a quen decide vender patrimonio municipal, neste caso pisos públicos, e facer recortes, como son os partidos socialista e popular “Hai que facer da vivenda unha prioridade e que non se utilice o patrimonio municipal para un negocio inmobiliario”, criticou o candidato nacionalista en referencia aos pisos da rúa República Arxentina propiedade do Concello e vendidos polo goberno municipal.
Neste sentido destacou que no primeiro trimestre do ano foron desafiuzadas 170 familias, “pese a que o alcalde di constantemente que non hai ningún e era bo que se fixara nas estatísticas”, denunciou nunha comparecencia diante dun dos portais no que se ubican algunhas das vivendas vendidas.
Segundo subliñou, diante dos problemas de acceso á vivenda que existen en Vigo, con máis 32.000 persoas desempregadas, na que os problemas sociais son cada vez maiores, desde o Concello hai que poñer medidas “enriba da mesa” para dar resposta ás necesidades das persoas, como as que ten o BNG.
Parque de vivendas de aluguer
“Desde o BNG apostamos claramente por que se faga unha política de vivenda desde o Concello”, asegurou Manuel G. Moreira nesta liña. Entre as propostas que citou figura a posta en marcha dun plan de vivenda a oito anos vista, que serva para facilitar un aloxamento digno e barato ás persoas con máis dificultade de accesibilidade, pero tamén porque “necesitamos garantir a función residencial do parque de vivenda existente”, particularmente naqueles espazos máis deteriorados da nosa cidade.
Salientou asemade a necesidade de crear un parque publico de vivendas de aluguer, mediante recursos propios e acordos co sector privado, “para garantir que as 18.500 vivendas que están desocupadas poidan ser accesibles á cidadanía que o necesite e a un prezo social relacionado cos ingresos de cada persoa” e ao mesmo tempo aumentando os impostos municipais para aquelas vivendas desocupadas por máis de catro meses.
“Pensamos que é moi importante na situación de crise que nos atopamos que o Concello dedique unha parte da vivenda propiedade do Concello as emerxencias”, afirmou o candidato nacionalista, porque segundo considerou, con 18.500 vivendas baleiras “ningunha persoa pode quedar sen vivenda”.
Ao respecto sinalou que unha das medidas que propón o Bloque consiste en impulsar medidas de apoio ás persoas en risco de ser desafiuzadas e que o Concello “non estableza acordos coas entidades bancarias que executan desafiuzamentos”.
Aumento das axudas de emerxencia
“Na situación económica que atravesa a nosa cidade é imprescindible incrementar as axudas de emerxencia social”, subliñou Moreira, quen defendeu que o concello debe facilitar ás persoas con situación máis desfavorecida o seu acceso non só á vivenda, senón tamén ao transporte, ao abastecemento e saneamento, ao combate contra a pobreza enerxética, á educación e á cultura.
Asemade subliñou a necesidade de aumentar o cheque social até cubrir o 100% da demanda e apostar decididamente polos programas contra a exclusión social. Neste sentido mencionou que dotar dun local en condicións para o desenvolvemento do programa Sereos é unha das propostas defendidas polo Bloque.
PRENSA BNG VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.