Ourense contará con 33 Casas Niño tras a adhesión dos concellos de Xunqueira de Espadanedo e Montederramo

Con estas novas incorporacións a provincia ofertará ata 165 prazas públicas de atención á primeira infancia e conciliación a través destes recursos
Publicado por o día 16/05/2019 na sección de Educación,Galicia,Ourense

Ourense contará con 33 Casas Niño tras a adhesión dos concellos de Xunqueira de Espadanedo e Montederramo

A Consellería de Política Social apoiará a creación de dúas novas Casas Niño nos concellos ourensáns de Xunqueira de Espadanedo e Montederramo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución destas axudas con cargo á convocatoria de 2018.

Deste xeito, na provincia de Ourense son 33 as Casas Niño que contan co apoio financeiro da Xunta para levar a cabo a súa actividade, ao abeiro das tres convocatorias de axudas realizadas ata o día de hoxe e que se corresponden cos exercicios de 2016, 2017 e 2018. Así, serán ata 165 as prazas públicas de 0 a 3 anos postas a disposición das nais e pais desta provincia a través deste tipo de recurso.

O Goberno galego está a elaborar unha nova convocatoria para este ano, que permitirá a creación de 15 novas Casas Niño en concellos galegos de menos de 5.000 habitantes.

As Casas Niño son servizos gratuítos para as familias que ademais de facer máis doado conciliar, contribúen a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local. Cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na actualidade, hai 61 recursos deste tipo repartidos por toda a xeografía galega e serán 76 cando ao remate desta lexislatura.

Con esta resolución, a Administración autonómica substitúe aos proxectos de dúas Casas Niño, en Vilasantar (A Coruña) e Petín (Ourense) que renunciaron á axuda.