Owen Jones: “O éxito de En Marea e Podemos o vindeiro domingo estará a demostrar a toda Europa que hai outra forma de gañar e facer política”

Publicado por o día 15/12/2015 na sección de En Marea,Política

Owen Jones: “O éxito de En Marea e Podemos o vindeiro domingo estará a demostrar a toda Europa que hai outra forma de gañar e facer política”

“Veño aquí a aprender de vós, porque sodes un exemplo e podemos aprender da vosa lección para despois trasladar ao resto de Europa e cambiar definitivamente este continente”

Owen Jones, o escritor máis influente da esquerda de Reino Unido na actualidade, amosou o seu apoio e encomiou a labor dos movementos de base como En Marea, que “están a dar unha lección a toda Europa, demostrando que outro xeito de facer política é posible”. “Eu veño aquí para aprender de vós, máis que vós de min” explicou Owen Jones, asegurando que “En Marea está chegando á xente e dades esperanza ao resto de Europa, e podemos aprender de vós para trasladalo ao resto de Europa e cambiar definitivamente o continente”. “En lugar só de vos queixar, organizástesvos para dar esperanza á xente” declarou.

Owen Jones, acompañado por Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, e Ángela Rodríguez, da candidatura de En Marea pola Coruña e Pontevedra, denunciaron a situación actual que está a vivir non só España, senón o resto de países europeos e que vén marcada polo feito de que os que nos gobernan é unha elite que mira unicamente polos intereses dos ricos e contra a maioría social, a clase obreira.

Así mesmo, puxeron de manifesto o perigo ao que nos estamos a enfrontar, xa que as grandes cuestións estanse a negociar a porta pechada en secreto en Bruxelas, e o que pretenden é que as grandes empresas poidan demandar aos Parlamentos elixidos democraticamente cando pensen que os seus intereses están en risco aínda que iso sexa atacar o interese común da cidadanía. “Os grandes poderes económicos xúntanse e cooperan para traballar colectivamente, non respectan as fronteiras, organízanse de xeito transfronterizo para acabar con nós” explicou Owen Jones.

“Os partidos de esquerda aceptaron o libre mercado, os recortes… quedoulles pouco que dicir ao aceptar políticas que atacaban aos seus.. en todo Europa este baleiro foi enchido por movementos como Podemos, En Marea aínda que tamén outros de extrema que están esperando a ocupar este lugar se non acadan éxito estes movementos de base e de esquerda”.

“Van empregar calquera medio para acabar con calquera movemento progresista, e eles teñen moitos más medios ca nós. Temos que organizarnos de abaixo arriba, a nosa arma é que somos máis” salientou Owen Jones no Paraninfo da Coruña.

Owen Jones confiou en que movementos como EnMarea e Podemos acaden un grande éxito nas vindeiras eleccións aínda que destacou que xa chegar ao onde están agora mesmo é xa todo un éxito. “Lograron rachar o bipartidismo, son un símbolo para Europa, e conseguir aínda que so fose unha ducia de escanos sería un éxito sen precedentes que non aconteceu en ningún país de Europa” afirmou Owen Jones.

PRENSA EN MAREA