Pablo Iglesias comprométese coa defensa dos sectores produtivos galegos dende o próximo Goberno

O candidato á presidencia do Executivo destacou, nun desbordado acto en Vigo xunto ás candidatas de En Común-Unidas Podemos, que “defender un país é defender a súa pesca, o naval, a industria e o sector lácteo”.
Por o 25/04/2019 | Sección: Galicia,Podemos,Política,Vigo
Pablo Iglesias comprométese coa defensa dos sectores produtivos galegos dende o próximo Goberno

En Común-Unidas Podemos celebrou este xoves un acto no Auditorio Mar de Vigo no que o candidato á presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, comprometeuse coa defensa dos sectores produtivos de Galicia dende o próximo Executivo. Nun auditorio completamente desbordado, Iglesias afirmou que “defender un país é defender a pesca e unha negociación diferente das cotas en Europa, é defender o seu sector naval, os seus sectores produtivos, e a súa industria”. Con respecto ao sector lácteo engadiu que “é unha vergoña que haxa gandeiros que teñan que vender o leite por debaixo do prezo de mercado. Fai falta un Goberno que se sente coas grandes distribuídoras para que isto non ocorra”.

Durante a súa intervención, Iglesias reivindicou que nesta campaña electoral estamos dicindo a verdade e a xente demostrou que non se deixa enganar”. Así, enumerou que “conseguimos falar de educación, da factura da luz, de sanidade ou de precariedade  laboral. E fixémolo sen insultar a ninguén, sendo responsables e poñendo solucións enriba da mesa aos problemas que lle preocupan  á xente”. Isto contrasta coas propostas doutros partidos, aos que acusou de falta de concreción. “Hai que concretar as propostas, para os autónomos, para mellorar os salarios, para que a xente poida pagar o aluguer e construír unha vida”, reclamou.

Pablo Iglesias destacou ademais que “demostramos que a subida dos salarios non afundía a economía, senón que melloraba a vida da xente. Só era unha cuestión de vontade política”. Tras estes logros apuntou que “o voto a En Común-Unidas Podemos é un voto para defender os servizos públicos, o dereito á vivenda e para que España camiñe sobre un proxecto progresista. Estamos moi preto de gobernar, pero para iso fai falta que millóns de dignidades enchan as urnas. Unha vez máis, imos demostrar que si se pode”.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Yolanda Díaz, destacou que En Común-Unidas Podemos está loitando por “un Goberno para as maiorías e ter un país onde a xente non teña que emigrar. Queremos un país con pensións dignas, onde os autónomos formen parte da maioría social”. Pola contra, rexeitou a posibilidade dun “goberno calquera que faga o de sempre. Hai un silencio atronador na Moncloa, ese silencio sodes todas vós, é a maioría social, e por iso imos encher a Moncloa da xente do pobo”.

Para Díaz é clave que o próximo Executivo sexa “soberano. Non o somos se deixamos caer os nosos sectores produtivos e nos sometemos aos poderes económicos. Non somos soberanos se dependemos da banca”. Para finalizar indicou que “o bipartidismo rematou, así que non vos deixedes enganar cos discursos do voto útil. O verdadeiro voto útil para evitar que Vox entre na Moncloa é En Común-Unidas Podemos”.

O cabeza de lista pola provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino, puxo en valor o traballo realizado no Congreso e no Senado, xa que “levamos anos trasladando ás Cámaras as demandas dos sectores produtivos, de Ferroatlántica, Alcoa, Poligal ou Isowat. Levamos iniciativas defendendo o sector naval”. Así, chamou a dar un paso máis, porque “agora temos que defender estes sectores produtivos dende o Goberno”. Para isto, Gómez-Reino sinalou que “a nosa tarefa é mobilizar cada voto. Temos que dicirlle a todo o mundo que os deputados do PSOE de Galicia foron os que fixeron presidente a Rajoy hai tres anos. Lembremos tamén a legalización das SICAVS, ou a modificación do artigo 135 da Constitución. Isto é o que fai o PSOE cando está forte: políticas de dereitas”.

A candidata á Cámara Baixa por Pontevedra, Ángela Rodríguez Pam, lembrou que este venres é o Día da Visibilidade Lésbica e reivindicou que “hai mulleres que queremos a mulleres, e o único presidente que vai ser capaz de defender o amor e a liberdade vai ser Pablo Iglesias”. Ademais, remarcou que Iglesias “é o único capaz de liderar un goberno feminista, o único que poder ser valente para defender políticas medioambientais e que pode facer que o PSOE goberne para a xente”, porque “cando Pedro Sánchez está só no Goberno non fai políticas vermellas, fai políticas laranxas”.

O candidato por Pontevedra e catedrático de Dereito do Traballo, Jaime Cabeza, incidiu en que “pedímovos o voto este domingo porque que non vos imos defraudar, só necesitamos a vosa confianza para poder construír un futuro para todas”. A candidata por Lugo, Vanessa Somoza, coincidiu nesta petición e animou a que “non teñades medo e este domingo enchades as urnas de dignidade”. Pola súa banda, a candidata por Ourense, Ledicia Piñeiro, apuntou, na mesma liña, que “temos o mellor equipo, o mellor programa e o mellor proxecto de país para facer un futuro en común”.

No acto, que se pechou coa interpretación de Grandola, Vila Morena a cargo de Pablo Nieves e Sara de Sousa, tamén interviron a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, o candidato á alcaldía da cidade olívica pola Marea de Vigo, Rubén Pérez, e o secretario municipal de Podemos A Coruña, Jose García Buitrón, que coincidiron na necesidade de ir a votar o 28A para defender as pensións, o emprego digno, os dereitos das mulleres ou a sanidade e a educación públicas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.