A libraría LIBROS PARA SOÑAR, no Casco Vello de Vigo, acollerá este venres día 15 a partir das 18:30 horas, o concerto de presentación do novo libro-cd-dvd de Paco Nogueiras, “Radio BULEBULE”, publicado por KALANDRAKA, con ilustracións de David Pintor e videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo. O espectáculo é de balde, con prazas limitadas, polo que o público interesado deberá retirar as invitacións con antelación no propio establecemento.
As cancións deste libro-disco dirixido a público infantil e familiar dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica. Intercalados entre os doce temas tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios do medio radiofónico, co que Paco Nogueiras destaca o papel da comunicación como canle de expresión e de coñecemento, intercambio de opinións, nexo entre culturas e exemplo de avance tecnolóxico.
Os ritmos modernos, pegadizos e bailables caracterizan estas composicións, seguindo o estilo de “Brinca vai!”. Co que fora o seu primeiro traballo discográfico propio, Paco Nogueiras recibiu o Premio Martín Códax da Música 2016 na categoría infantil e durante os últimos anos percorreu numerosos escenarios, festivais, escolas e bibliotecas de toda Galicia.
Tanto nas ilustracións de David Pintor para o libro impreso como na posta en escena dos espectáculos, Paco Nogueiras consolida a inconfundible fisonomía do seu personaxe, cos seus lentes, a vestimenta azul e o inseparable chapeu; elementos que tamén están presentes na estética dos videoclips das cancións, artellados ao xeito dunha curtametraxe dirixida polo vigués José Miguel Sagüillo.
“Radio BULEBULE” contou coa colaboración do músico e comunicador Xurxo Souto e da asociación.
Ponte… nas ondas!, que asinan -respectivamente- o limiar e o colofón da obra. Ademais, participan
unha ducia de xornalistas -Ainhoa Apestegui, Emilio Españadero, Xabier Fortes, Pablo Lago, Susana Pedreira, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Ana Romaní, Henrique Sanfiz, Tino Santiago, María Solar e Fernanda Tabarés- achegando impresións e anécdotas das súas traxectorias profesionais.
Noticias de última hora en Vigo