PALEXCO acolle o VIII Congreso Nacional de Equipos de Terapia Intravenosa

Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Eventos,Salud,Sindicatos

PALEXCO acolle o VIII Congreso Nacional de Equipos de Terapia Intravenosa

O 80% dos pacientes ingresados nun centro sanitario ten unha vía venosa canalizada. Case todos oímos algunha vez “é só un pinchaciño” diante dunha agulla ou un goteiro, pero é menos habitual falar de acceso vascular.

Destas “agullas” depende en gran medida a saúde de moitas persoas con patoloxía aguda severa, enfermidades crónicas ou pertencentes a grupos de risco (maiores, nenos, pacientes inmunodeprimidos), que son os principais candidatos a portar un destes dispositivos.
Para eles, o tratamento por vía intravenosa é fundamental; con todo, ás veces as puncións repetidas e a agresividade dos propios fármacos, como a quimioterapia para o tratamento do cancro, poden causarlles danos irreparables no seu sistema vascular.
 
Os avances no coidado das persoas que precisan dunha vía, as novas tecnoloxías, e todos os aspectos relacionados coa administración de tratamentos por vía intravenosa congregan cada dous anos aos profesionais sanitarios que traballan neste campo.
 
Por este motivo, a nosa cidade acollerá os vindeiros días 9 ao 11 de maio, o VIII Congreso Nacional de Equipos de Terapia Intravenosa (ETI), organizado pola Asociación de Enfermería de equipos de Terapia Intravenosa e a colaboración da Xerencia de Xestión Integrada de A Coruña.

Este VIII Congreso ETI reunirá a grandes profesionais, referentes nacionais e internacionais, pero pretende ademais, dar voz á figura máis importante: o paciente. Poderase escoitar de primeira man, o testemuño de persoas que conviven a diario con estes dispositivos, quen pola súa enfermidade, precisan dunha vía venosa para recibir tratamento.
 
Entre os aspectos que se tratarán atópanse como evitar as complicación derivadas da terapia intravenosa (aparición de hematomas, infección do dispositivo, rotura ou trombose da vena afectada), sen esquecer o compoñente subxectivo das persoas que se tratan,  que en moitas ocasións, vense sometidas a puncións repetidas que lles provoca dor, perda de confort, temor e percepción de inseguridade.

Estas complicacións teñen gran repercusión na recuperación dos pacientes. Ademais de disparar o custo sanitario, multiplican o custo biolóxico e psicolóxico que sofre a persoa que as padece, sendo unha das consecuencias finais o deterioro e agotamento do capital venoso, é dicir, que o paciente “xa non ten venas onde ser pinchado”, un patrimonio que é único e irrecuperable.
É responsabilidade da Enfermería o aplicar coidados seguros e de calidade. Seguindo esta máxima, todas as actuacións deben estar encamiñadas a ofrecer o mellor coidado, previndo a aparición de posibles complicacións, e no caso de que estas ocorran, saber detectalas axiña para tratar de minimizar as súas consecuencias.

A tendencia actual que se amosou máis efectiva, é a creación en cada área sanitaria dun equipo de expertos en canalización de vías e coidados, que dispoña dos mellores medios e coñecementos para poder dar a mellor atención aos nosos pacientes. Estes son os Equipos de Terapia Intravenosa, coñecidos como ETI; estruturas organizativas, habitualmente lideradas por la enfermería, cuxa finalidade é implantar o dispositivo venoso adecuado para cada paciente, atendendo ás súas condicións persoais e ao tipo de tratamento que ten que recibir. Encárganse de aplicar procedementos seguros, utilizando moitas veces a canalización baixo visión ecográfica, evitando as puncións repetidas e o agotamento venoso. Proporcionando ademais, formación en coidados e asesoramento experto continuo a todos os profesionais relacionados co uso e manexo de calquera tipo de acceso vascular.

Un exemplo do labor que fan estes Equipos é a canalización de catéteres de media/longa duración como o chamado PICC (catéter central de inserción periférica), que pode permanecer insertado ata un ano. Isto supoñería que un paciente que necesita un tratamento intravenoso superior a 15 días de duración, podería ser atendido a pé de cama ou no seu propio domicilio polo ETI da súa área, e dispoñer fácilmente nun único pinchazo, dun dispositivo que lle servise para toda a terapia, e que ademais lle permitiría realizar extraccións de sangue para análise.

Hoxe en día, os ETI son unha realidade consolidada, que proporciona un gran beneficio, preservando o sistema venoso dos nosos pacientes do xeito máis efectivo e menos custosa.

No CHUAC, o persoal experto en Acceso Vascular e Terapia Intravenosa da nosa área  traballa con pacientes críticos das Unidades de Reanimación de Adultos e UCI Pediátrica. Con todo, tralos excelentes resultados obtidos nestas unidades (mellora da atención, redución de complicacións e custos), xunto coa continua demanda dos seus servizos por parte de profesionais e pacientes, indican que en breve poderán estenderse a toda a área de Xestión (atención primaria, hospitalaria e domiciliaria). Isto supoñería a creación do primeiro Equipo de Terapia Intravenosa no noso país que abarcaría pacientes de todas as idades e condicións.
 
A celebración do VIII Congreso ETI, con sede en PALEXCO, é unha excelente oportunidade de achegar aos profesionais sanitarios todos os avances e novas tecnoloxías que demostraron ser beneficiosos na canalización, coidado e manexo dos distintos accesos vasculares.