O papel da Ribeira Sacra como exemplo do turismo tranquilo e sustentable que caracteriza a Galicia

A directora de Turismo participou na presentación da ‘Guía práctica da Ribeira Sacra’, de Manuel Garrido, unha valiosa publicación que orienta aos viaxeiros por esta singular paraxe que aspira a ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Turismo

O papel da Ribeira Sacra como exemplo do turismo tranquilo e sustentable que caracteriza a Galicia

No modelo de turismo tranquilo e sustentable que caracteriza a Galicia, e no que a Xunta está a afondar coa Estratexia de turismo de Galicia 2020, a Ribeira Sacra ten un destacado protagonismo. Así o puxo de manifesto hoxe a directora de Turismo do Goberno autonómico, Nava Castro, durante a presentación da Guía práctica da Ribeira Sacra, obra do historiador Manuel Garrido.

Este libro ofrece aos viaxeiros toda a información, pautas e recomendacións para gozar sen présas das innumerables paraxes desta zona, que aspira a ser Patrimonio Mundial da Unesco. Como paso previo, a Xunta de Galicia comezou xa os trámites necesarios para que sexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de paisaxe cultural.

“A súa inclusión nesta prestixiosa lista faría xustiza á Ribeira Sacra e contribuiría ao seu desenvolvemento económico, social e cultural”, sinalou Nava Castro, quen celebrou a publicación desta guía nun momento como o actual. Nela, o viaxeiro atopará datos prácticos, con descricións e comentarios sobre o territorio, os seus recursos naturais, culturais, patrimoniais, etnográficos ou enoturísticos, que configuran un lugar único.

Aumenta a estadía media

Como sinalou Nava Castro, “é tanto o que a Ribeira Sacra ofrece, que necesitamos de guías como esta que saiban orientar os sentidos dos turistas”. A este respecto, apuntou que a estadía media nesta zona do interior de Galicia, entre as provincias de Lugo e de Ourense, está a medrar. Así o amosan as estatísticas do verán e dos meses previos, que están a apoiar os obxectivos plasmados na Estratexia de turismo de Galicia 2020.

Este documento, no que a Xunta e o sector traballan da man, conta cun investimento de 240 millóns de euros. A través da Estratexia lógrase avanzar na desestacionalización da demanda e na especialización e diversificación da oferta, na consolidación da calidade no destino e na profesionalización. Co fin de afondar nestes retos, desde Turismo de Galicia promóvense este outono propostas como Os Trens Turísticos polas cidades da Coruña, Ourense e Lugo, a iniciativa de turismo rural Outono Gastronómico, o certame de turismo urbano De tapas por Galicia, os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia con saídas programadas en outubro e novembro, as experiencias nos parques naturais, enoturísticas e de termalismo ou a ruta gastronómica no Camiño Francés, entre outras.