Para o BNG a Lei de Patrimonio Natural da Galiza presentada polo PP é “mala, sen ambición e cutre”

Luís Bará demostra que o PP “é conservador, pero non conservacionista, senón depredador”, e por iso “deserta” de preservar o territorio natural
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de BNG,Política

Para o BNG a Lei de Patrimonio Natural da Galiza presentada polo PP é “mala, sen ambición e cutre”

O BNG denuncia que o Goberno de Feixóo non ten estratexia de protección do patrimonio natural e da biodiversidade o que se plasma nunha proposta de lei “mala, cutre e sen ambición” que non protexe o a patrimonio natural de Galiza, na que se desoe ás organizacións conservacionistas e se priman os intereses de lobbies e de grupos de presión de sectores como o forestal ou enerxético.

“A conselleira de Medio Ambiente presentou un informe burocrático que mostra unha realidade idílica sobre un relato falso porque, para empezar, non conta cun gran consenso como di. Por contra, as entidades conservacionistas expresan a súa preocupación porque o proxecto é pouco ambicioso, non aborda o abandono do noso patrimonio natural, cuestionan as bondades desta lei e, ademais, denuncian o incumprimento da lei actual de 2001”, explicou o portavoz parlamentario de medio ambiente, Luís Bará.


“Hai que atender máis a quen se preocupa no país por defender o patrimonio natural”, demandou, tras argumentar con dous exemplos o abandono da riqueza natural de Galiza por parte do goberno do PP.

“Hai dúas imaxes moi elocuentes: a dos bulldozers da praia de Barrañán esnaquizada polas escavadoras nun espazo protexido, e a plantación de eucaliptos no Pedregal de Irimia que debería ser sagrado desde o punto de vista natural. Así é como trata o PP os grandes espazos icónicos da natureza galega”, denunciou Bará.

O deputado considera que a Xunta gobernada polo PP “desertou” no coidado do noso territorio, cualificando de “negra” a década de Feixóo en relación a esta materia: “son conservadores, pero non conservacionistas senón que son depredadores e por iso teñen como símbolo do PP unha gaivota, un animal carroñeiro”. “Este proxecto de lei é malo polo que di e polo que cala, non ten ambición, é cutre e rácana como pon de manifesto a falta de compromiso orzamentario, porque vostedes defenden outros intereses dos lobbies e dos grupos de presión”, sintetizou Bará.

Entre os argumentos que xustifican esta valoración, o feito de que Galiza segue na cola en termos de protección de espazos naturais incluídos na Rede natura, un 12% fronte ao 29% en Asturias ou o 26% Castela-León. “Paralizaron a ampliación da rede natura pese ao mandato da UE porque fixeron prevalecer outros intereses como dos eólicos ou forestais e nin sequera protexeron as turbeiras que deberían ter coidade extremo”, denunciou o deputado nacionalista.

Súmase a falta de plans de recuperación de especies en perigo ou a total despreocupación pola preservación e recuperación da paisaxe.

“A paisaxe é a gran esquecida e maltratada pese a que hai unha lei de 2008, pero estamos á espera de que aproben as directrices da paisaxe que prevalecen sobre os instrumentos de ordenación do territorio e de urbanismo, están sen facer os plans integrais, tampouco protexeron os espazos incluídos no Plan de ordenación do litoral (POL)”, indicou Bará.

Erros de vulto

Igualmente, dixo, “outra páxina negra é o catálogo de espazos protexidos de 2007, pasaron once anos e o PP aprobou só tres ao tempo que se paralizaron 28 plans de conservación e recuperación de especies ameazadas que estaban adxudicados desde 2008”.

O BNG entende que tampouco se aborda “de xeito amplo e global” a preservación da biodiversidade, ao que se suma as deficientes políticas de conservación, o abandono dos usos do territorio mentres se aposta pola explotación intensiva en determinados lugares, a contaminación por pesticidas e hidrocarburos ou o impacto das infraestruturas. Tamén falta un catálogo de especies invasoras e non se potencia o  voluntariado ambiental, engadiu Bará ao debe do proxecto de lei dos populares.

Por último, o deputado nacionalista reprochou os “defectos de vulto” na tramitación da lei, “só vemos ausencias e excepcións, non se fala da ampliación da rede natura, falta financiamento como pon de manifesto a cutre memoria financeira fiel reflexo da súa cutre política en materia de conservación do patrimonio natural e da biodiverisdade, cinco millóns de euros dun orzamentos de 10.000 millóns de euros da Xunta falan por si sos”, indicou, deixando clara a posición do Bloque contra unha proposta lexislativa sen ambición na protección do  patrimonio natural e da biodiversidade.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.