Paralizar a regularización catastral iniciada polo Ministerio de Facenda sería ilegal

A alcaldesa de Mos aporta un Informe de Tesourería que o certifica e pide á Deputación que deixe de confundir á veciñanza con máis cartas malintencionadas que só teñen un fin político
Publicado por o día 16/03/2018 na sección de Galicia,Mos

Paralizar a regularización catastral iniciada polo Ministerio de Facenda sería ilegal

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, dá a voz de alarma sobre a manipulación política que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo respecto da regularización catastral. Amósase “asombrada de que a administración provincial estea a recurrir á mentira máis descarada, algo que nunca ocorrera ata o de agora, para confundir á veciñanza nun tema tan delicado, co único obxectivo de perxudicar a un goberno local do Partido Popular como é o de Mos”.

Tras anuncialo en nota de prensa, a Deputación remitiu ós veciños e veciñas de Mos unha carta asinada polo deputado Carlos López Font, na que se asegura que “no mesmo instante no que a alcaldesa nos dea a instrución de paralizar a recadación dos impostos derivados desta regularización o faremos sen singún tipo de obxección”, algo que non só non se pode facer, senón que é ilegal, como demostra o informe da Tesoureira Municipal aportado pola rexedora Nidia Arévalo; ao tratarse dun trámite iniciado a instancia do Ministerio de Facenda, que se realizará ademais en diversas quendas en tódolos municipios de España.

“A min claro que me gustaría que os habitantes de Mos non tivesen que pagar, pero a realidade é que teñen que facelo, e paralizar este proceso de cobro sería ilegal; así que non tenten dende a Deputación insinuar que está na miña man que os mosenses paguen ou non a regularización catastral”, sentenciou Nidia Arévalo, e declarou que “resulta incrible o importante que son eu para os señores e señoras da Deputación, que provoco semellante reacción simplemente porque solicito que as notificacións se realicen con corrección e aportando información completa e clara”.

Neste sentido Arévalo considera “lamentable que se estean a gastar fondos públicos que pagan todos os contribuíntes no envío dunhas cartas que teñen un claro obxectivo político que ademais é, a todas luces, malintencionado”. Deste xeito a alcaldesa roga encarecidademente “que se deixe de confundir á veciñanza, que bastante chapuza fixeron xa coa carta de notificación de pago para que agora envíen outra carta na que aínda confunden máis e ao final os perxudicados son os mosenses”.

Antecedentes

O pasado 12 de marzo a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informaba sobre a carta que a veciñanza mosense estaba a recibir nos seus domicilios sobre a regularización catastral, aclarando que non se trataba dunha notificación de pago ordinario, senón que se trataba dun escrito meramente informativo; por iso as cartas lles estaban chegando abertas aos destinatarios, tal e como comentaban os propios receptores.

Ademais a data especificada nas devanditas cartas, o día 20 de marzo de 2018, non é o prazo límite de pago, senón que o período para efectuar os pertinentes pagamentos é moito más amplo e haberá de ser notificado de xeito ordinario perante correo certificado, deste xeito a falta de pago das débedas antes dese día non implicará en ningún caso o devengo de intereses.  Ao mesmo tempo lémbrase a posibilidade de optar por solicitar  o fraccionamento e/ou aprazamento das débedas ante o  ORAL una vez se notifiquen de forma definitiva.