Parlamento aproba a proposta do Grupo Popular para que a Xunta xestione co Goberno Central a apertura dunha biblioteca pública en Vigo

Publicado por o día 11/11/2015 na sección de Partido Popular,Política

Parlamento aproba a proposta do Grupo Popular para que a Xunta xestione co Goberno Central a apertura dunha biblioteca pública en Vigo

O deputado Javier Dorado manifestou que “o Concello de Vigo ten que dotar ao Estado dos terreos necesarios para facer posible o investimento na construción da nova biblioteca pública; ao tempo que a Xunta farase cargo da xestión deste centro”

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de PSOE e AGE, a través da que se insta á Xunta de Galicia a realizar as xestións oportunas diante do Goberno central para tratar de que a apertura dunha Biblioteca Pública do Estado en Vigo poida ser unha realidade á maior brevidade posible, reclamando que o Concello vigués poña a disposición os terreos axeitados para este centro.

O deputado do Grupo Popular Javier Dorado considerou necesario “altura de miras e traballar todos xuntos para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida dos galegos e, nomeadamente, dos veciños de Vigo”. Para elo, indicou que “faise precisa a coordinación e cooperación de todas as administracións públicas de Galicia”, porque o actual Goberno central “xa dispuxo de partidas orzamentarias para a biblioteca de Vigo en varias ocasións pero non se puideron executar pola falta de terreos”.

En concreto, Dorado manifestou que “o Concello de Vigo ten que dotar ao Estado dos terreos necesarios para facer posible o investimento na construción da nova biblioteca pública; ao tempo que a Xunta farase cargo da xestión deste centro”. “É unha xogada a tres administracións, polo que é interesante que o mandato parlamentario sexa uniforme e claro en beneficio dos intereses dos vigueses”, engadiu.

IGUAL QUE AS CAPITAIS DE PROVINCIA

Javier Dorado manifestou que “Vigo necesita a Instalación dunha nova biblioteca estatal, do mesmo xeito que teñen todas as capitais de provincia de España e outras cidades como Santiago”. Neste sentido, apuntou que na actualidade existen 31.000 usuarios de bibliotecas na cidade viguesa, que conta cunha biblioteca que non se adapta ás necesidades da cidade olívica e dos vigueses.

O deputado popular lembrou que a Consellería de Educación e Cultura “puxo enriba da mesa en 2014 un convenio para que o Concello o firmara e traballar conxuntamente nunha instalación bibliotecaria nova”, pero lamentou que “a día de hoxe non exista resposta desde o Concello de Vigo”.

Porén, Dorado engadiu que a Consellería “xa leva tempo investindo na biblioteca de Vigo” e concretou que o pasado ano destinou cerca de 700.000 euros.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA