O Parlamento aproba solicitar ao Concello de Vigo unha solución aos retrasos na tramitación dos recursos de servizos sociais municipais

García Míguez contrapuxo os seis meses que tarda o Concello de Vigo en elaborar este informe cos 30 días de prazo que teñen os concellos por lei.
Por o 08/06/2017 | Sección: Partido Popular,Política,Vigo
O Parlamento aproba solicitar ao Concello de Vigo unha solución aos retrasos na tramitación dos recursos de servizos sociais municipais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, por iniciativa do Grupo Popular, a través da que se solicita ao Concello de Vigo unha solución inmediata aos retrasos na tramitación dos recursos de servizos sociais municipais. A deputada popular Marián García Míguez considerou “dramático” que 63.000 persoas de Vigo teñan un ingreso inferior ao limiar da pobreza e o Concello tarde 181 días en emitir o informe social para a percepción da Risga, cando o tempo que teñen os concellos galegos é de 30 días.

Marián García lamentou que o concello de Vigo “ten o peor dato de Galicia na taxa de desemprego e de risco de pobreza”. En concreto, indicou que “máis do 21 por cento dos vigueses teñen un nivel de ingresos por debaixo do cal unha familia é incapaz de satisfacer as necesidades dos seus membros”.

DENUNCIAS DA VALEDORA E COLECTIVOS SOCIAIS

Esta situación foi recollida pola Valedora do Pobo nun informe no que se “queixa polos atrasos nas axudas do Concello de Vigo, o atraso en convocatorias con gran cantidade de solicitudes e a falta de persoal nos seus servizos sociais, cos retrasos que iso ocasiona e a sensación de desprotección e angustia á persoas que sofren esta situación”, sinalou a deputada popular.

Así mesmo, lembrou que colectivos sociais como Os Ninguéns, a Plataforma antidesafiuzamentos, a Rede Solidaria Popular ou a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao “trasladan todas as semanas a situación que está a acontecer no Concello de Vigo coa tramitación das axudas sociais, chegando ao punto de que as propias traballadoras sociais do Concello denunciaron demoras de ata un ano para cobrar a Risga”.

Marián García explicou que a Lei de inclusión social establece un prazo máximo de tres meses para a resolución dos expedientes da Risga, dos que un mes lle corresponde ao concello para emitir o informe social e os dous restantes á xefatura territorial correspondente unha vez teña o informe municipal.

“Segundo os datos do primeiro trimestre de 2017, o Concello de Vigo tarda unha media de 181 días na tramitación do informe social, fronte aos 30 días do resto dos concellos galegos”, criticou a deputada popular.

SEN CONTRATAR OS 11 TÉCNICOS DO PLAN CONCERTADO

Ademais, subliñou que “a cidade de Vigo recibiu o pasado ano 2016 a aportación máis importante das concedidas pola Xunta na última convocatoria do Plan concertado para a contratación de 11 novos técnicos de servizos sociais, cuestión que o Concello non levou adiante e a día de hoxe non só non rebaixou os tempos de espera para a recepción da Risga senón que os incrementou considerablemente”.

A deputada popular lembrou, para rematar, a resposta que o Concello de Vigo remitiu á Xunta respecto á proposición non de lei aprobada no Parlamento galego para que se acometese unha mellora non servizo de transporte ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro: “consideramos unha desafortunada intromisión nas competencias deste Concello a remisión do escrito realizado desde esa Consellería”. “Non hai precedentes de resposta semellante dun concello a este Parlamento”, sinalou.