O Pleno do Parlamento debaterá a iniciativa do Grupo Popular para impulsar campaña de promoción do mexillón de Galicia

Publicado por o día 27/10/2014 na sección de Galicia,Partido Popular,Política

O Pleno do Parlamento debaterá a iniciativa do Grupo Popular para impulsar campaña de promoción do mexillón de Galicia

– O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, explica que a iniciativa busca poñer en valor o mexillón galego en tres ámbitos: como produto de máxima calidade, prestixio gastronómico e nutricional e con totais garantías de salubridade.

– A iniciativa permitirá contrarrestar tamén as consecuencias que, para o sector, puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas dos últimos meses

O Pleno do Parlamento de Galicia debaterá esta semana a iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta á posta en marcha dunha campaña de promoción e posta en valor do mexillón de Galicia.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explicou que impulsar esta campaña contribuirá a reforzar a imaxe do mexillón galego ante os seus potenciais consumidores nun triplo aspecto: como produto de máxima calidade, polo seu prestixio gastronómico e nutricional e salientando as totais garantías de salubridade.

Á súa vez estes argumentos positivos, reforzados a través do plan de promoción, permitirán contrarrestar as consecuencias que, para o sector, puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas, sumadas ás alertas sanitarias emitidas por algúns países e atribuídas, nun primeiro momento, ao mexillón de orixe galega.

SUPERVISIÓN E VIXILANCIA

Neste senso, Balseiro quixo lembrar a importancia de que os consumidores coñezan as garantías de calidade e salubridade do mexillón galego, a supervisión e vixilancia constante do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR).

O deputado popular defende que o sistema galego de control de biotoxinas é un dos máis avanzados do mundo, así como a garantía para poder asegurar con certeza que todo o mexillón que se consuma polas canles legais non ten ningún tipo de problema.

IMPORTANCIA SOCIAL E ECONÓMICA

Desde o Grupo Popular consideran que a tradición histórica e a importancia socioeconómica que o mexillón ten en Galicia converte á miticultura, ou cultivo deste molusco bivalvo, nunha das principais actividades económicas de numerosas poboacións da costa galega, de xeito especial, nas Rías Baixas.

Balseiro lembra que só nosa Comunidade existen unhas 3.300 bateas distribuídas ao longo das diferentes rías que, sumadas a outros métodos de produción, xeran entorno a 8.500 empregos directos e 7.000 indirectos, ocupa a máis de 1.000 embarcacións auxiliares e xera un valor en primeira venda que entorno aos 100 millóns de euros.

A estes datos habería que engadir as cifras correspondentes aos provedores de equipos e transporte e ás empresas auxiliares como son as estacións depuradoras, cocedoiros de moluscos e fábricas de conserva.

PRENSA GRUPO POPULAR