O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices lembrou que en agosto de 2014 formulouse unha denuncia porque esta entidade autorizou ás mutuas para facer probas vulnerando a normativa vixente.
– Santalices manifestou que “está en xogo a honorabilidade das persoas que traballan nesta unidade”
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular a través da que se demanda á Consellería de Sanidade que remita á Cámara galega, dentro das marxes legais establecidas, as conclusións da investigación aberta contra a Unidade de Inspección e Control da Saúde de Vigo por presuntas irregularidades nas súas actividades.
O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, explicou que a Unidade de Inspección e Control da Saúde de Vigo depende organicamente da Xefatura Territorial de Sanidade e ten como funcións o control da incapacidade temporal dos traballadores, a realización de expedientes disciplinarios, os expedientes de responsabilidade patrimonial, as investigacións que procedan e a valoración para a renovación das licencias de armas e permisos de conducir.
POSIBLE TRÁFICO DE INFLUENCIAS E PREVARICACIÓN
Santalices lembrou que en agosto de 2014 formulouse unha denuncia contra esta Unidade de Inspección e Control da Saúde Laboral de Vigo baseada na autorización ás mutuas para facer probas e tratamentos por parte desta entidade, vulnerando a normativa vixente.
En concreto, os puntos que se denunciaron foron autorización de probas ou tratamentos coa conformidade do traballador e non co consentimento informado do mesmo; a autorización de probas e tratamentos que non estean prescritos polos servizos de saúde e, polo tanto, non estean en listas de espera; e a autorización ás mutuas para a realización de consultas por especialistas.
“A denuncia conclúe que se está ante a presunta comisión dun delito de tráfico de influencias e dun delito continuado de prevaricación”, indicou o portavoz popular. Por este motivo, Santalices considera que, ante este feitos graves, a Consellería debería remitir ao Parlamento un informe coas conclusións da investigación, porque en xogo está a honorabilidade das persoas que traballan nesta unidade”.
PRENSA GRUPO PARLAMENTARIO PP GALICIA
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.