O Parlamento demanda á Xunta iniciar en 2018 traballos de descontaminación de lindano en Porriño

Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,O Porriño,Partido Popular,Política,Xunta de Galicia

O Parlamento demanda á Xunta iniciar en 2018 traballos de descontaminación de lindano en Porriño

O Grupo Popular apoiou a aprobación hoxe no Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a iniciar o vindeiro ano os traballos de descontaminación das zonas afectadas por lindano no concello de Porriño. Así mesmo, e logo dunha transacción co BNG, demándase que, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, se garanta o subministro de auga ás persoas afectadas.

O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, manifestou que “existe unha plena cooperación e coordinación de actuacións entre a Xunta e o Concello de Porriño”. Neste sentido, lembrou que as analíticas realizadas nas zonas de Contrasto, Buraco da Raposa e Pereira detectaron restos de lindado nos pozos de sete vivendas, polo que se recomendou a clausura de todos os pozos e fontes destas zonas e que non se consuma a súa auga.

Trenor indicou que a Xunta traballa neste momento na redacción dun proxecto para a recuperación e limpeza destes solos contaminados, polo que considerou “lóxico esperar aos datos e conclusións que se deriven deste estudo para planificar, organizar e cuantificar todas as actuacións e medidas necesarias para a recuperación destas zonas”.