Parlamento demanda á Xunta que manteña apoio á estratexia CRECEMENTO AZUL do Porto de Vigo

Trátase dun proxecto europeo, absolutamente metropolitano, que abrangue 32 proxectos concretos e 44 accións, cun investimento de 207 millóns de euros e a estimación de crear 3.000 postos de traballo ata o ano 2020.
Publicado por o día 23/06/2017 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Parlamento demanda á Xunta que manteña apoio á estratexia CRECEMENTO AZUL do Porto de Vigo

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta para que manteña o seu apoio á estratexia Crecemento Azul desenvolvida pola Autoridade Portuaria de Vigo para acadar os obxectivos deste ambicioso proxecto pioneiro baseado no crecemento sustentable dos sectores marítimo-pesqueiros e portuario.

A deputada popular Teresa Egerique considerou “absolutamente necesario apoiar iniciativas que, con fondos europeos e co apoio de todos os axentes económicos e sociais, supoñan mellorar a competitividade, modernidade e crecemento do porto”.

Teresa Egerique explicou que o proxecto Crecemento Azul “invita aos sectores vinculados á actividade do mar a concibirse como elementos interconectados dun mesmo ámbito económico”. Neste sentido, apuntou que se trata dun proxecto europeo, absolutamente metropolitano, que abrangue 32 proxectos concretos e 44 accións, cun investimento de 207 millóns de euros e a estimación de crear 3.000 postos de traballo ata o ano 2020.

“Ademais da explotación e a exploración ordenada da biodiversidade do mar, este proxecto permitirá a mellora nas comunicacións do porto, a simplificación dos trámites administrativos, consolidar a Vigo como o gran centro comercializador da pesca, e difundir a historia e a cultura marítimas no noso territorio e fora del”, indicou.

EXEMPLO DE METODOLOXÍA NOVIDOSA

Egerique salientou que “o traballo que se vén realizando no porto de Vigo desde hai dous anos é un exemplo de metodoloxía novidosa e exemplar, de colaboración e de previsión cara ao futuro que se nos presenta”, polo que demandou a necesidade de que “o desenvolvemento da cidade e da propia área metropolitana vaian acordes a estes avances”.

Así mesmo, a deputada popular sinalou que este proxecto é posible no porto de Vigo porque “é un porto socioeconomicamente integrado, que mantén unha relación estreita e frutífera cos principais sectores da actividade da cidade e da área metropolitana como a automoción; a pesca fresca, conxelada e os seus transformados; o granito; a pizarra; e a construción naval e de grandes pezas”.

“Falamos fun porto moi diversificado, onde ningunha actividade é máis que a outra, e todas elas supoñen un activo importante que temos que coidar e polo que temos que traballar conxuntamente, porque o importante é facelo a través da cooperación entre administracións”, salientou.