Manuel Lago: “o PP considera que o Parlamento é da súa propiedade”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda denunciou, tras a Xunta de Portavoces, a “falcatruada democrática” que supón o adianto do Debate sobre o Estado da Nación
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Manuel Lago: “o PP considera que o Parlamento é da súa propiedade”

O Grupo Común da Esquerda rexeitou esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Voceiros, a “utilización partidaria do Parlamento” por parte do Partido Popular. “O Parlamento é a institución na que reside a soberanía do pobo galego, pero o PP considera que é da súa propiedade”, denunciou Manuel Lago.

“Non existe ningunha razón para este anticipo precipitado do debate máis importante do ano parlamentario, e de feito o Partido Popular non deu aínda ningunha explicación”, manifestou o deputado. “Eu teño dúas explicacións para este adianto: a primeira é que Feijóo utiliza o Parlamento e o propio país para librar a loita interna que mantén no Partido Popular. A segunda é que pretende agochar o debate real sobre a situación de Galicia debaixo do debate sobre as circunstancias actuais da política estatal”, agregou.

O Grupo Común da Esquerda asegurou tamén que “non vai permitir” que se fale da política española no Debate sobre o Estado da Nación, senón dos “problemas dos galegos e galegas e de como poñerlles solución”. “Un exemplo daquilo que quere ocultar Feijóo é que, desde que chegou ao Goberno, Galicia é a comunidade autónoma na que se perderon máis postos de traballo. O balance dos seus dez anos de goberno son 54.000 empregos menos”, destacou Lago. “O Grupo Común da Esquerda non vai permitir que se deturpe o papel do Parlamento e que se obvien estas cuestións no Debate sobre o Estado da Nación. Os problemas da xente do noso país estarán no centro da intervención do voceiro do noso grupo, Antón Sánchez”, finalizou.

Triplo asasinato machista en Valga. Tras acudir xunto ao resto de deputados e deputadas ao minuto de silencio que tivo lugar no Parlamento, Manuel Lago comezou a súa intervención na rolda de prensa manifestando a súa absoluta condena da violencia machista e trasladando a súa “solidariedade e afecto” á familia afectada polo asasinato que tivo lugar onte en Valga. “Isto é insoportable, e a sociedade non pode permanecer impasible ante esta lacra. O noso Grupo apoia as mobilizacións que para mañá e mais o venres teñen convocado as organizacións feministas do noso país”, engadiu.