O Parlamento galego abordará as irregularidades detectadas na residencia de maiores de Pazos de Borbén

O pleno debatirá unha Proposición non de lei do BNG, que tamén presentou varias preguntas para a súa resposta en comisión
Publicado por o día 31/03/2017 na sección de CIG,Galicia,Pontevedra,Sindicatos,Vigo

O Parlamento galego abordará as irregularidades detectadas na residencia de maiores de Pazos de Borbén

As irregularidades detectadas durante unha inspección ordinaria nunha residencia de maiores de Pazos de Borbén propiedade da presidenta de Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra chegarán até o Parlamento galego despois de que o BNG presentase unha Proposición non de lei (PNL) para o seu debate en pleno e varias preguntas para a súa resposta en comisión.

O grupo parlamentario do BNG presentou unha Proposición non de lei para o seu debate no pleno relativa ás irregularidades detectadas na residencia para persoas maiores Mi Casa de Pazos de Borbén, propiedade de Lucía Pedroso, presidenta de Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra. En concreto, a CIG-Servizos denunciara a presenza de cinco usurios/as agochados/as durante horas primeiro na lavandería e logo nun galpón anexo ao centro, tal e como puido comprobar a propia Garda Civil tras seren requerida pola inspectora autonómica despois de que os responsábeis da residencia lle impedisen o acceso a estas dependencias.

Unha vez alí os axentes constataron a sobreocupación do centro privado xa que no seu interior atoparon 63 usuarios/as, cando unicamente conta con autorización para 58 prazas. Destas, un total de 22 son públicas grazas ao convenio subscrito coa Xunta. Ademais desta irregularidade, no texto da PNL tamén se recolle que estas persoas estiveron arredor de catro horas en condicións degradantes, con altas temperaturas, sen auga e sen a súa medicación.

Ao mesmo tempo, alértase sobre o clima de terror laboral que se vive na empresa, con ameazas constantes e incumprimentos das condicións laborais. “Estamos diante dunha actuación moi grave, que constata o risco xa denunciado tantas veces de converter a atención dos maiores nun negocio e non nun servizo, polo que é preciso que a Administración extreme a vixilancia e actúe con toda contundencia para impedir este tipo de actuacións”.

Reclaman extremar os controis

Diante disto, instan o Goberno galego a que extreme os controis e as inspeccións de xeito periódico para detectar e impedir a sobreocupación das residencias de maiores, tanto privadas como concertadas, e a abrirlle un expediente a esta residencia en base á acta de inspección e ao atestado da Garda Civil.

Finalmente, nas preguntas para resposta en comisión o BNG interésase pola opinión do Goberno galego a respecto da manobra dos responsábeis deste centro para ocultar a sobreocupación e polas actuacións que vai levar a cabo a Xunta diante das graves irregularidades detectadas. Neste senso, pregúntanlle se lle vai abrir un expediente a esta residencia e pídenlle que cuatifique o número de casos de sobreocupación detectados nos catro últimos anos e os expedientes abertos por esta causa.