O Parlamento Galego solicita a Declaración da Illa de Ons como Área de Rehabilitación Integral

Deste xeito, facilitaríanse as actuacións de rehabilitación nas vivendas existentes nesta illa.
Por o 15/02/2017 | Sección: Partido Popular,Política,Vigo
O Parlamento Galego solicita a Declaración da Illa de Ons como Área de Rehabilitación Integral

A deputada Marián García sinalou que “as construcións existentes en Ons, ademais do seu valor intrínseco, teñen unha importancia na súa relación co espazo natural e co parque nacional no que se atopan”

 O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a promover a declaración como Área de Rehabilitación Integral da Illa de Ons, co obxecto de facilitar as actuacións de rehabilitación nas vivendas existentes na illa.

A deputada Marián García Míguez salientou “as construcións existentes na Illa de Ons, ademais do seu valor intrínseco, teñen unha importancia na súa relación co espazo natural e co parque nacional no que se atopan, e polo tanto, merecen ser atendidas dun xeito especial e estar incluídas nunha área de rehabilitación integral declarada”.

CRECENTE INTERESE TURÍSTICO

Deste xeito, demandou a “necesidade de fomentar e potenciar a conservación do patrimonio edificado neste parque natural, ademais de manter o seu crecente interese e atractivo turístico”.

“O patrimonio natural fai desta illa un espazo a protexer e coidar”, indicou a deputada popular, quen apuntou que a declaración da illa de Ons como área de rehabilitación integral facilitará financiamento para a adecuación das vivendas, a mellora dos espazos públicos e do equipamento local.

Marián García salientou que Galicia é a segunda comunidade autónoma española con máis negocios turísticos con calidade certificada: 286 distintivos Q de calidade turística, logo dun incremento sostido ano tras ano desde 2003.

Ademais, a Comunidade galega estase a situar como un destino diferencial a nivel turístico internacional, así como un exemplo de turismo sostible.