O Parlamento de Galicia apoia a iniciativa de En Marea para acadar a igualdade salarial entre mulleres e homes en 2020

En Marea presentou unha moción na que se instaba ao Goberno galego para promover que na negociación colectiva de ámbito galego se considere obxectivo a igualdade salarial.
Publicado por o día 27/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo,Xunta de Galicia

O Parlamento de Galicia apoia a iniciativa de En Marea para acadar a igualdade salarial entre mulleres e homes en 2020

A necesidade de introducir a coeducación transversal no sistema público educativo, cumprir a lexislación en materia de igualdade e acabar coas subvencións a centros que segregan por sexo foron as propostas en materia educativa igualitaria de En Marea

 En Marea logra a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia o obxectivo de acadar a igualdade salarial entre homes e mulleres no 2020. En Marea logrou que se aprobaran diversas iniciativas presentadas polas deputadas e deputados do grupo parlamentar que suporán un avance de cara a acadar a igualdade entre homes e mulleres e na loita contra a violencia machista. En Marea entende que as violencias machistas, que golpearon no noso País a pasada semana, son a manifestación máis brutal dunha realidade de estrutural marxinación da muller.

É por iso que En Marea introduciu no Parlamento, un conxunto de iniciativas coa vontade de visibilizar, convertendo a sesión plenaria en case monográfica na defensa da igualdade e loita contra a violencia de xénero. A primeira das iniciativas presentadas foi a relativa á necesidade de establecer unha estratexia clara para acadar a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres en 2020. Esta moción que obtivo o apoio do pleno do Parlamento despois de que En Marea aceptase a votación por puntos como solicitaba o PP, e engadir a emenda do PsdeG ao texto de En Marea. Deste xeito, no punto aprobado por unanimidade o “Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a convocar, por mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal e sindicatos máis representativos no seu ámbito territorial e sectorial para promover que na Negociación Colectiva de ámbito galego se considere obxectivo a acadar en 2020 a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres.

Así mesmo, instase ao Goberno galego a solicitar ao Goberno de España unha Lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres que garanta de forma real e efectiva a retribución para o desempeño dun traballo de igual valor, removendo todos os obstáculos (acceso, formación, promoción, concilación…) que o difcultan“.

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, na súa intervención en pleno asegurou que “a fenda salarial de xénero é tamén unha forma de violencia. A desigualdade salarial mantén a desvalorización dos traballos femininos e a imaxe de muller dependente do home, e provoca que moitas mulleres precarias queden atrapadas por cuestión económica en relacións machistas que as anulan, que as degradan, que as asasinan“. A deputada de En Marea detacou que se hoxe nesta Cámara de representación do pobo galego falase de desigualdade salarial é pola loita organizada das mulleres traballadoras e polo combate do feminismo que, na rúa, ergueu a bandeira contra a discriminación das mulleres. “Que se fale de brecha salarial, que se visibilicen as violencias machistas en lugar de consideralas algo de ámbito privado, ou mesmo que mulleres sexamos deputadas é mérito non das forzas políticas, senón da loita social feminina dende o nacemento do feminismo“ afirmou Paula Vázquez Verao.

“Cando falamos de violencias machistas tendemos a pensar só na violencia física, mais esta só é o cumio dunha serie de violencias que a preceden: psicolóxica, económica, institucional… A violencia económica prodúcese pola fenda salarial, as pensións máis baixas, a maior incidencia da precariedade nas mulleres, as precarias condicións do traballo doméstico e de coidados, o maior papel das mulleres nas tarefas de coidados non remuneradas. A violencia institucional é a que exercen as institucións sobre as mulleres, no canto de amparar os seus dereitos. Unha destas moitas violencias é que os gobernos non actúen ante a brecha salarial.“ concluíu Vázquez Verao.

INTRODUCIR A COEDUCACIÓN TRANSVERSAL E ACABCAR COAS SUBVENCIÓNS PÚBLICAS A CENTROS QUE SEGREGAN POR SEXO

A segunda das iniciativas de En Marea presentadas hoxe en pleno pedía algo tan sinxelo como o cumprimento da lei de igualdade no eido do Ensino. A deputada Ánxeles Cuña destacou que a violencia machista ten as súas raíces na desigualdade. É unha forma extrema, o machismo mata. A súa erradicación esixe promover a igualdade legal e real como elemento clave da prevención. Por este motivo, En Marea puxo de manifesto a urxencia de incluír a coedución transversal no sistema educativo público que debera estar presente en todas as materia e etapas, recoñecendo as contribucións das mulleres ás ciencias, á historia, ás artes… Así mesmo, debera prestar especial atención á formación en igualdade e contra as violencias machistas nos plans de formación do profesorado.

O sistema educativo ten que incorporar con urxencia o trato das relación afectivas e sexuais, a xestión das emocións, a igualdade, a equidade, os roles de homes e mulleres. implementar programas con contundencia social, reprobando o machismo día a día. Non abonda con crear unha materia de libre configuración optativa para 1º e 2º da ESO. A formación ten que ser impartida por personal especializado e ten que dirirxirse tanto ao profesorado como ao alumnado.No currículo das diferentes etapas da Educación Básica, Formación Profesional, Secundaria, Bacharelato e Superior deberíase ter en consideración a aprendizaxe da prevención e resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, e dos valores que sustentan a democracia e os dereitos humanos, que debe incluír en todo caso a prevención da violencia de xénero.

Na proposición non de Lei de En Marea recolle de xeito específico a necesidade de poñer fin ás subvencións con fondos públicos para centros que segreguen ao alumnado por razón de sexo xa afondan de xeito claro e directo na concepción desigual de homes e mulleres. Por último, na súa iniciativa En Marea propuxo únicamente que o Goberno galego cumpra a Lei en materia de igualdade algo que agora mesmo non está a suceder.

O voceiro do Partido Popular no Parlamento de Galicia alegou para xustificar o voto en contra do seu grupo a iniciativa de En Marea que a segregación por razón de sexo nos centros educativos non afecta nin inflúe no fomento da desigualdade entre homes e mulleres e en consecuencia da violencia machista. Un argumento a todas luces insostible xa que como argumentou a deputada de En Marea trátase dun tipo de ensino baseado nos prexuizos e que atenta contra o principio da igualdade, fomenta a estereotipia, e só ten sentido se partimos da premisa de que cada sexo ten que ter unhas funcións sociais diferenciadas o que vai contra a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.