Parlamento require ao Concello que complete urbanización do Cunqueiro e habilite un aparcamento

Alberto Pazos considerou “ilegal e inxusta a ocorrencia do alcalde de Vigo de establecer este aparcamento gratuíto só para os vigueses”.
Publicado por o día 18/10/2017 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Parlamento require ao Concello que complete urbanización do Cunqueiro e habilite un aparcamento

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se require ao Concello de Vigo a completar a urbanización da contorna do Hospital Público Alvaro Cunqueiro habilitando, en condicións de igualdade, as prazas de aparcamento en superficie necesarias para o normal funcionamento desta instalación sanitaria.

O deputado popular Alberto Pazos lembrou que “levamos meses demandando que o Concello de Vigo remate as labores de urbanización da contorna do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, habilitando as prazas de aparcamento en superficie que calquera municipio de España debe habilitar para o normal funcionamento de calquera hospital de España”.

Neste sentido, asegurou que “non existen dúbidas de cal é a administración que ostenta esa obriga porque todos os municipios de España saben que é unha competencia exclusiva municipal en virtude do artigo 25 da Lei de Bases do Réxime Local”. “Todos excepto o Concello de Vigo, co agravante de que quen dirixe o único concello de España que descoñece esta obriga e tamén o presidente de todos os municipios de España”, engadiu.

Porén, Alberto Pazos indicou que “este descoñecemento por parte do rexedor vigués das súas obrigas competenciais ten un compoñente que poderíamos chamar guadiana, porque periodicamente anuncia a inminente construción dun aparcamento na contorna do Álvaro Cunqueiro para satisfacer as necesidades dos usuarios, pero segue sen cumprir o seu compromiso”.

O deputado popular engadiu que “a derradeira ocorrencia do alcalde de Vigo é establecer na contorna do hospital público un aparcamento gratuíto só para vigueses”. “É una proposta ilegal e inxusta, pero sobre todo é indecente porque ataca directamente aos usuarios da sanidade pública que deben desprazarse ata Vigo para recibir asistencia hospitalaria, discriminándoos polo único motivo de non ser potenciais votantes do señor Caballero”.

“O Goberno da Xunta de Galicia fixo o mais difícil, como é construír o maior hospital público de Galicia co orzamento mais minorado da historia da autonomía”, salientou o deputado popular, quen lamentou que “pola contra o goberno municipal do señor Caballero négase a cumprir a mínima parte que lle corresponde, dispoñendo dun remanente de tesourería de mais de 90 millóns de euros”.

Alberto Pazos sinalou que “os cidadáns dos 25 concellos da contorna de Vigo que nos temos que desprazar ao Álvaro Cunqueiro non podemos aceptar baixo ningún concepto que un alcalde irresponsable pretenda converter a decisión lóxica de habilitar un aparcamento gratuíto na contorna do hospital público nunha ferramenta para tratarnos como cidadáns de segunda”.

“Iso é inadmisible, pero aínda é máis inadmisible que os grupos do PSOE, En Marea e BNG neste Parlamento validen o discurso segregacionista e discriminatorio deste alcalde”, criticou.