O BNG formalizou o inicio de curso político na cidade esta mañá cun almorzo informativo, no que tomaron parte o concelleiro Xabier P. Igrexas e mais a portavoz nacional da fronte, Ana Pontón. No encontro cos medios de comunicación, Igrexas anticipou os tres eixos nos que as nacionalistas centrarán a súa actuación nos vindeiros meses: participación cidadá, transporte e PXOM. O edil explicou que redobrarán o traballo a pé de rúa, iniciando unha nova rola de visitas a todos os barrios e parroquias da cidade, e que apostarán por estreitar, inda máis, a cooperación e complicidade cos movementos sociais e o tecido asociativo.
O portavoz municipal nacionalista valorizou as primeiras semanas após o regreso do BNG á Corporación viguesa, salientando que a presenza do Bloque está a contribuír para que os debates sen centren nos problemas e nas necesidades reais da cidade. Tamén subliñou o esforzo por defender unha alternativa en positivo, con propostas concretas e cun afán construtivo.
Neste sentido, Ana Pontón salientou que a formación nacionalista está a facer en Vigo un traballo moi importante “desde o rigor, a seriedade e dando debates de fondo” para enfrontar os “problemas importantes que ten a cidade” e o contrapuxo á “política de decorado”. “O BNG iniciou unha nova etapa no Concello de Vigo, cun portavoz preparado, con capacidade e con valentía para enfrontar os problemas e necesidades da cidade”, resumiu. A voceira nacional tamén enfatizou a relevancia da cidade manifestando que “Vigo é a cidade máis importante de Galiza e o seu papel vai ser clave para o futuro do noso País”.
Liñas de traballo
Igrexas debullou as liñas de traballo que a formación nacionalista despregará nos vindeiros meses. As principais cuestións nas que se centrará o Bloque serán a demanda de máis participación cidadá, a mellora do transporte público e o impulso a un novo PXOM.
“A nosa primeira moción no Pleno demandaba un novo regulamento de participación cidadá. Queremos máis democracia a nivel municipal, e que non escoitar deixe de ser unha opción”, explicou. No concreto, defenderán a necesidade de revitalizar os consellos sectoriais municipais, configurándoos como espazos de codecisión que supere a súa función “ornamental”, crear os consellos veciñais de barrios e parroquias e impulsar a elaboración participativa dos orzamentos municipais. “Vigo non se pode permitir uns novos orzamentos que só teñan en conta a opinión do PSOE”, advertiu.
No relativo á mellora da mobilidade, Igrexas cualificou esta cuestión de “estratéxica” e apostou por aproveitar a nova concesión do transporte urbano para acometer unha mellora profunda que permita “revolucionar a mobilidade, reducindo o uso do coche privado e creando as condicións para seguir avanzando no proceso de democratización do espazo público”. A fronte nacionalista demanda un novo mapa de liñas que conecte mellor toda a cidade, con especial atención aos barrios e as parroquias, e a mellora “radical” das frecuencias.
O terceiro grande eixo da acción política das nacionalistas en Vigo será promover a “urxente elaboración dun novo PXOM”. Neste sentido, o voceiro do Bloque na cidade volveu insistir na necesidade de que o proceso sexa “transparente e participativo” fronte a opacidade coa que se está a realizar. “Eu son membro do Consello da Xerencia de Urbanismo e non teño ningunha información de con quen se está a falar para elaborar o novo Plan”, exemplificou. “O PXOM de 2008 foi tombado pola falla de consenso, non podemos repetir ese erro”, reclamou. Igrexas defende que o novo PXOM ten que ser o instrumento que permita planificar o desenvolvemento da cidade a curto e medio prazo, apostando nun “urbanismo racional e ambientalmente sostíbel, ao servizo da cidadanía e da cidade e non dos intereses dos poderosos e especuladores”.
Moción sobre os bombeiros
Igrexas tamén se referiu ao sucedido no Pleno de onte, onde a presidencia, que exercía nese momento a tenente de alcalde, Carmela Silva, impediu que se ditaminase e debatese a moción de urxencia presentada polo BNG a respeito da situación límite no corpo de bombeiros, cando se cumprían 20 días do inicio da folga indefinida.
O edil nacionalista cualificou a negativa de Silva de “veto absolutamente ilegal e antidemocrático” salientando que a decisión vulnerou o Regulamento Orgánico do Pleno e conculcou os seus dereitos como concelleiro. “Onte vimos como o PSOE de maneira covarde escudouse nunha actuación inapropiada do secretario municipal, exercendo funcións que non lle corresponden, para evitar que o Pleno puidese abordar a gravísima situación de inseguridade que está a provocar o colapso do servizo de bombeiros”, criticou.
Segundo explicou o concelleiro, a moción axustábase ao previsto no artigo 63.4 do Regulamento, ficando debidamente xustificada a súa urxencia. “No texto da moción recollemos expresamente a motivación en dous feitos que sucederon con posterioridade á convocatoria do Pleno, como esixe o Regulamento. En concreto a aprobación da OPE para 2019 con apenas 11 novas prazas para o servizo de bombeiros, e a denuncia presentada polo Comité de Folga perante a Inspección de Traballo sobre a vulneración de dereitos fundamentais e que se están a poñer en risco a situación dos traballadores”, detallou. Neste sentido, Igrexas lembrou que non lle corresponde nin ao secretario nin á presidencia do Pleno ditaminar a urxencia da moción para proceder, ou non, ao seu debate. “Esa decisión correspóndelle só ao Pleno da Corporación, como se recolle no propio Regulamento, e foille furtada”, acrecentou.
Igrexas asegurou que o veto da moción nacionalista só pretendía “evitar que na acta do Pleno quedase constancia da irresponsabilidade coa que o Goberno municipal está a xestionar o conflito aberto cos bombeiros da cidade”. No entanto, asegurou que ese comportamento volveu “retratar un goberno tan autoritario como incapaz”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.