Partido de volta I Copa Federativa de Roller Derby

Publicado por o día 30/05/2018 na sección de Deportes,Galicia,Vigo

Partido de volta I Copa Federativa de  Roller Derby

Tras a vitoria obtida en Candeán o pasado 22 de Abril, o equipo mixto composto por membros de Roller Derby Vigo e Lobishomes MRD, buscan repetir o resultado no partido de volta da I Copa Federativa de Roller Derby.

Enfrontaranse de novo á formación “ NÓS”, composta por equipos da Coruña, Ourense e Pontevedra e, nesta ocasión, tocaralles participar no torneo como equipo visitante. O Roller Derby, lembramos, é un deporte de contacto grupal e predominantemente feminino, que se practica sobre patíns de dous eixos nunha pista ovalada. Actualmente en auxe, conta con máis de 1400 ligas a nivel mundial, e máis de 30 equipos a nivel nacional, tanto profesionais como amateurs.

Un encontro ten unha duración dunha hora, dividida en dous tempos de 30 minutos e é disputado por dous equipos de 7 a 14 patinadoras. Cada partido está conformado por carreiras de 2 minutos (denominadas “ jams”) nas cales unha patinadora (“a jammer”) pode anotar puntos por cada rival ao que pasa legalmente e para iso, conta coa axuda doutras catro xogadoras, as bloqueadoras.

Desde Roller Derby Vigo e Lobishomes MRD anímannos a compartir con eles este evento, partido final da Copa, que pode proclamarlles vencedores da mesma e que se disputará o vindeiro sábado 2 de Xuño na Coruña, no Pavillón de Elviña II, ás 18:00 h.