Paseo literario “Polo Vigo de Rosalía”

O sábado día 24 terá lugar un percorrido guiado polo Casco Vello de Vigo no que se repasará a traxectoria de Rosalía de Castro dende unha visión histórica e xeográfica. O percorrido comezará na Oliveira do Paseo del Alfonso XII ás 11,00 horas e non cómpre inscrición previa.
Por o 23/02/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
Paseo literario “Polo Vigo de Rosalía”
Compartir en:

Durante o percorrido coñecerase como era a cidade de Vigo no século XIX e os cambios políticos e sociais que se produciron despois da Reconquista, e comprenderase o esforzo realizado por unha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura visitando os lugares concretos que tiveron relación directa coa publicación de Cantares Gallegos.

O itinerario programado Concello inclúe os seguintes puntos de interese: Oliveira, Praza do Peñasco, Rúa Chao, Rúa Real, Imprenta de Compañel, Rúa Oliva, Biblioteca Juan Compañel, Praza da Constitución

O percorrido comezará na Oliveira do Paseo del Alfonso XII ás 11 horas.

Posteriormente visitarase a Praza do Peñasco, onde falaremos sobre a importancia do movemento industrial, o desenvolvemento da burguesía, os cambios arquitectónicos producidos, etc.

Na Rúa Chao, explicarase a relación da familia Chao coa cidade de Vigo e con Rosalía de Castro, e a importancia que tiveron os irmáns Chao para a cidade, especialmente Alejandro Chao.

De seguido faranse dúas paradas na Rúa Real, onde se falará sobre o significado que tivo para Vigo ser capital de provincia e a súa relación coa chegada da imprenta, e a relevancia cultural da cidade naquela época.

Diante da imprenta de Compañel se falará da Rosalía dos Cantares.

Na Rúa Oliva, visitarase o local onde estaba a imprenta de Faro de Vigo, local de Ángel Lema.

A Biblioteca Juan Compañel, sede do antigo Casino de Vigo, dará pé a falar do seu presidente, mecenas de Rosalía de Castro, que puxo os cartos para que existise a imprenta de Compañel en Vigo. Falarase tamén da relevancia do Casino.

A última parada será na Praza da Constitución, onde se situaba a botica de José María Chao, e se falará do movemento cultural, social e político que se producía na rebotica.