Paso adiante para a urbanización dos terreos de Tafisa

A Comisión de Urbanismo aproba o estudo de detalle para construír un bloque residencial en forma de U con 180 vivendas
Publicado por o día 27/03/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Paso adiante para a urbanización dos terreos de Tafisa

A urbanización dos terreos de Tafisa deu hoxe un significativo paso adiante coa aprobación na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio ambiente do estudo de detalle da parcela que está fronte á area de auto caravanas e na que se quere construír un bloque residencial en forma de U. Segundo informou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías o estudo ditaminouse cos votos favorables do BNG e a abstención dos outros partidos.

Co ditame favorábel da Comisión de Urbanismo, o estudo de detalle será aprobado o próximo luns na Xunta de Goberno local. A tramitación do expediente seguirá coa exposición pública do proxecto e por último deberá pasar polo Pleno do Concello para a súa aprobación definitiva.

O proxecto residencial obxecto do estudo de detalle está impulsado por dous dos catro propietarios da parcela -suficiente xa que a normativa esixe que estea avalado por máis do 50% da propiedade non necesariamente polo 100%-: Banco Sabadell e Building Center, de Caixabank.

Como explica Anabel Gulías, o estudo de detalle é un instrumento para “axustar cuestións urbanísticas” co fin de darlle certa coherencia construtiva e estética ás actuación polo que alude a aspectos como o nivel das rasantes, a cor, os volumes…”

O proxecto residencial que está enriba da mesa inclúe un mínimo de 180 vivendas e súmase a unha segunda iniciativa de 92 vivendas, nunha parcela ao carón da avenida de Bos Aires, impulsada por unha promotora participada maioritariamente polo Banco de Santander.

“É unha boa nova que se mova a parcela de Tafisa” sinalou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías quen lembra que nos últimos tempos constátase un repunte da actividade inmobiliaria e económica na cidade.

Un repunte que se da tamén, se falamos de xeito específico da zona monumental. De feito na Comisión de Urbanismo celebrada hoxe deuse luz verde a dúas licenzas para o casco histórico: unha de apertura para unha cafetería na rúa Amargura e outro para a apertura dun tenda de roupa na rúa Sarmiento, esquina Cousiño.