Patricia García: “Á vez que nós cada vez somos menos, en países próximos poñen a alfombra vermella ás empresas”

“Nacionalismos, populismos e localismos fannos dano e benefician aos nosos competidores”
Publicado por o día 15/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

Patricia García: “Á vez que nós cada vez somos menos, en países próximos poñen a alfombra vermella ás empresas”

Cada vez somos menos. Menos poboación, menos novas, menos empresas e menos traballadores. “E á vez que nós somos menos, vemos como países moi próximos crean emprego, eliminan burocracia, poñen a alfombra vermella ás empresas… E asistimos a esta escena coma se non nos afectase, limitando as nosas críticas a un par de parágrafos nun discurso ou a quedarnos a gusto cada vez que nos atopamos e tocamos o tema”.

A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, utilizou hoxe un ton autocrítico no seu discurso tras a tradicional cea de aniversario, para animar aos socios da entidade para adoptar un papel máis activo na sociedade civil e axudar a construír unha “pasarela de futuro”, que é “unha débeda que contraemos cos nosos fillos. Non é xusto impoñerlles a eles as consecuencias dunha política que incrementa ano tras ano a súa débeda , sen sequera elevar a voz”.

A presidenta do Círculo optou por non insistir nas vellas demandas (“que celebraremos antes: a chegada do AVE a Galicia ou os trinta anos da chegada do AVE a Sevilla?”), para centrarse na necesidade de expor “abertamente nesta casa” as preocupacións empresariais e trasladalas posteriomente a autoridades e representantes políticos. “Hoxe máis que nunca todos eles necesítannos”, dixo.

Ante unha comunidade que mingua, “o primeiro que debemos preguntarnos é se queremos seguir formando parte deste proxecto que se chama Galicia e que se chama España”, expuxo, para responderse: “Nacionalismos, localismos e populismos fannos dano. Implican barreiras, riscos de quebra do sistema e antipatías. E ten claros beneficiarios: os nosos competidores”.

Tamén aludiu á realidade política española, caracterizada por unha situación pluripartidista que “decidimos entre todos” e que está a xerar grandes interrogantes “sobre a cintura de quen ten a responsabilidade de dirixir este país, interrogantes acrecentados polo posterior anuncio dun pacto difuso e inquietante”, dixo, para engadir: “No mundo da empresa resulta inconcibible pasar meses sen que ninguén impulse os cambios ou reformas que inescusablemente, por adaptación ou por supervivencia, tocan. Simplemente tocan”.

García avogou por estratexias a longo prazo, como garantía de estabilidade política e económica: “Naqueles países que contan con plans a longo prazo e políticas de Estado, hai unha maior fidelidade de voto, mentres que onde prima o cortoplacismo e as estratexias de partido, a fidelidade é moito menor, a desafección increméntase e o risco de aparición de populismos crece”, apuntou, para finalmente ofrecer a autoridades e socios un brinde unísono “por un futuro que debemos construír entre todos”.