Patricia Otero: “A Xunta abandona ao sector agrario “na UCI” cando máis precisa de “políticas serias e contundentes””

Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Política,PSOE

Patricia Otero: “A Xunta abandona ao sector agrario “na UCI” cando máis precisa de “políticas serias e contundentes””

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “abandonar” ao sector primario, e nomeadamente ao agrario, que se atopa “na UCI” e necesitado de “políticas serias e contundentes” para o seu rescate. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para pedir un plan de choque para frear a perda de poboación ocupada no sector, que foi rexeitada polo PP.

Otero acusou ao PP e ao goberno galego de “defraudar” ao sector agrario, abandonado á súa sorte mentres caen nun “xogo de descualificacións” para evitar tomar decisións mentres o medio rural esmorece. Explicou que hoxe Galicia conta con 63.600 traballadores agrarios, moi preto da peor cifra, os 61.200 de 2015, e moi lonxe dos 102.500 cos que contaba en 2008, nun sector que perde poboación ocupada mentres no conxunto do Estado esta aumenta.

A pesares dos “casos illados” de incorporacións rexistradas entre 2015 e 2017, derivadas do retorno de traballadores que non atopaban traballo nas cidades, a realidade é que entre xaneiro de 2016 e abril de 2019 perdéronse en Galicia ata 1.670 explotacións agrarias, pasando de 9.078 a 7.408.

A responsable socialista esixiu un plan de acción integral para garantir a recuperación de poboación no medio rural, garantindo o relevo xeracional, o que require fundamentalmente servizos públicos, o que “pode non verse rendible economicamente, pero si socialmente”. Explicou que para a xente moza é fundamental contar cun pediatra adecuado ou prazas en residencias públicas para maiores á hora de plantearse o seu futuro no rural.