Patricia Vilán: “O PP frea o servizo de guardia 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña”

Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Política,PSOE

Patricia Vilán: “O PP frea o servizo de guardia 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña”

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao PP de ter votado “en contra de máis medios para a Xustiza e para a protección dos dereitos das persoas”. Así o dixo logo de que vetaran unha proposta socialista para pedir a posta en marcha do servizo de garda 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña, que foi debatida na Comisión Institucional do Parlamento.

A responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que “aposte de verdade e non de boquilla pola xustiza”, logo de que onte defendera este servizo no acto de inauguración do novo edificio para Xulgados de Pontevedra, construído con catro anos de retraso. Sinalou que a posta en marcha do servizo é “tan fácil como establecer unha partida específica nos próximos orzamentos”, xa que a Xunta tería que aumentar 1,3 millóns e o Ministerio outros 292.000 euros.

Vilán explicou que tanto Vigo como a Coruña son “os únicos partidos xudiciais de España con máis de 8 Xulgados de Instrución pero sen gardas de 24 horas”, o último deles, o de Córdoba, con 342.806 habitantes, menos que A Coruña -378.467- e pouco máis que Vigo -337.735-.

Sinalou que esta petición foi presentada xa polas xuntas de xuíces de A Coruña e Vigo no mes de maio, e respaldada polos propios concellos afectados e os operadores xurídicos. Reclamoulle así á Xunta que emita informe favorable, a través da Comisión Mixta, para que o TSXG propoña as gardas 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña, dotándoos de medios persoais e materiais.