Patrimonio autoriza ao Concello de Vigo a reforma dos pavimentos na rúa García Olloqui e a praza de Compostela

Trátase dunha actuación na contorna do xacemento Casco Vello, ben catalogado no planeamento municipal e, por tanto, do patrimonio cultural de Galicia
Por o 06/07/2017 | Sección: Galicia,Vigo
Patrimonio autoriza ao Concello de Vigo a reforma dos pavimentos na rúa García Olloqui e a praza de Compostela
Compartir en:

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o visto bo á solicitude do Concello de Vigo para a reforma dos pavimentos da vía rodada na rúa García Olloqui e no treito meridional da praza de Compostela, con importantes sinais de deterioro.

Así, a resolución, asinada o pasado 5 de xullo, recolle que o proxecto para o cal o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra, condicionado a un seguimento da arqueóloga municipal. Ademais, anota que no suposto de que a profundidade das obras supere os 0,70 metros, sería preciso realizar algún tipo de intervención arqueolóxica, a definir pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Trátase dunha actuación na contorna do xacemento Casco Vello, ben catalogado no planeamento municipal e, por tanto, do patrimonio cultural de Galicia.

Cómpre recordar que a intervención municipal na urbanización das devanditas vías e obrigatoria en cumprimento dunha sentencia firme con fecha de novembro de 2015 na que o xuíz estima a demanda interposta por unha comunidade de propietarios en relación coa “inactividade administrativa en materia de contaminación acústica e vibracións”. Nela, condena á administración local a adoptar medidas a prol de reducir os ruídos sufridos no interior das vivendas pertencentes aos demandantes e provenientes do tráfico rodado por debaixo dos niveis máximos establecidos na normativa vixente.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural recibiu a solicitude de autorización dos traballos de pavimentación o pasado mes de marzo.

Una respuesta para "Patrimonio autoriza ao Concello de Vigo a reforma dos pavimentos na rúa García Olloqui e a praza de Compostela"

  1. Gamela   07/07/2017 at 1:35

    traballos de pavimentación chámanlle agora a botar unhas paladas de chapapote por riba dos adoquíns na Alameda ? Hai que ver o morro que lle botan algúns ao mantemento da Cidade Fermosa ?