Paula Prado asegura que a utilización do superávit por parte do Goberno galego “é exercer o noso autogoberno e defender os intereses de Galicia”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou onte que a utilización por parte do Goberno galego do superávit de 2018, cuxo proxecto de lei debaterase mañá no Pleno do Parlamento, “é exercer o noso autogoberno e defender os intereses de Galicia”. Deste xeito, demandou aos grupos da oposición, “que tanto se teñen manifestado pedindo un maior investimento en sanidade, educación e servizos sociais, que apoien este proxecto de lei para que estes 125 millóns do superávit sexan útiles para os galegos e se gasten nas súas necesidades reais”.
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Partido Popular,Política

Paula Prado asegura que a utilización do superávit por parte do Goberno galego “é exercer o noso autogoberno e defender os intereses de Galicia”

Paula Prado asegurou que o obxectivo deste proxecto de lei é “autorizar o gasto de 125 millóns de euros correspondentes ao superávit contable de 2018 para reducir a débeda da Comunidade galega e así liberar créditos orzamentarios cos que financiar investimentos en sanidade, educación e nos servizos sociais públicos”.

GALICIA NON PODE AGARDAR MÁIS

“Galicia non pode agardar máis pola utilización deste superávit consecuencia da boa política económica desenvolvida polo Goberno galego”, manifestou a viceportavoz popular, quen engadiu que “temos cartos para investir en actuacións prioritarias en sanidade, educación e servizos sociais, ademais doutros ámbitos como a prevención de incendios forestais ou a política de vivenda, e non podemos agardar a que o Goberno central se posicione definitivamente sobre estes recursos”.

Prado explicou que “resulta urxente levar adiante actuacións necesarias tanto en centros de ensino como en escolas infantís durante o período de vacacións de verán, para o que é necesario que os procedementos de contratación destas se leven con anterioridade e sen máis demoras”. Así, concretou que no eido da educación investiranse este ano 22,7 millóns de euros na mellora de instalacións en 22 colexios e institutos; tamén se destinarán 6,2 millóns de euros a actuacións de mellora das instalacións das escolas infantís, centros de maiores e residencias; aos que haberá que sumar outros tres millóns para actuacións no medio rural.

ACTUALIZACIÓN DA LEI DE FARMACIA

A viceportavoz do Grupo Popular informou, ademais, que na sesión plenaria de mañá procederase ao debate de totalidade do proxecto de lei de ordenación farmacéutica, que actualiza a norma existente despois de 20 anos en vigor para solucionar de xeito eficaz as necesidades e demandas actuais dos usuarios e profesionais das farmacias.

Así, esta nova lei contempla, entre outros obxectivos, a axilización dos concursos públicos para novas farmacias, a regulación da venta por internet e a introdución da posibilidade de atención farmacéutica a domicilio.

Por último, Paula Prado lembrou que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo demandar aos concellos galegos a elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca, levando a cabo as actuacións necesarias na rede municipal de abastecemento para solucionar os problemas existentes e evitar a perda de auga na rede.

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita á Xunta iniciar este ano a contratación dos proxectos construtivos e de impacto ambiental do desdobramento do treito entre A Pobra de San Xiao e Nadela da vía de altas prestacións Lugo-Monforte, co obxectivo de convertelo en autovía.