Paula Quinteiro demanda á Xunta que tome medidas para defender os postos de traballo en Vulcano

A deputada acusou o Goberno de incumprir o seu compromiso de atopar un novo inversor
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

Paula Quinteiro demanda á Xunta que tome medidas para defender os postos de traballo en Vulcano

Paula Quinteiro preguntou esta mañá na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo ao director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes, sobre as medidas que vai tomar a Xunta de Galicia para defender os empregos dos traballadores de Vulcano e para atopar un novo inversor que garanta a continuidade da actividade naval.

“Hai anos que o estaleiro Vulcano pasa por dificultades sen que o Goberno galego fose quen de poñer solucións sobre a mesa. Esta situación non é nova, o cadro de persoal leva case cinco anos e medio sometido a expedientes de regulación temporal de emprego debido á escasísima carga de traballo, e houbo meses nos que permaneceron sen cobrar”, lembrou a deputada do Grupo Común da Esquerda.


O estaleiro Vulcano presentou este verán a solicitude de liquidación no Xulgado do Mercantil número 3 da cidade de Vigo tras a entrega  do último barco, con varios meses de retraso sobre a data inicialmente fixada. A empresa, que conta con 100 anos de historia, foi “un referente a nivel europeo e unha icona para Vigo e a súa comarca”, tal como salientou Quinteiro. “Non podemos deixar caer Vulcano, a Xunta debe cumprir o seu compromiso de atopar un novo inversor. Ademais, non é só un problema de postos de traballo directos, senón que tamén correrán perigo os de empresas auxiliares e enfrontarán dificultades outros estaleiros galegos”, recalcou.

A deputada do Grupo Común da Esquerda tamén se referiu á posibilidade de especulación cos terreos do estaleiro: “As administracións deben tomar medidas para garantir que o uso futuro dos terreos continúe destinándose á actividade industrial naval e á xeración de postos de traballo. É un risco que os terreos deixen de ter uso industrial, non é un segredo que ao Porto de Vigo lle gustaría outorgarlles outras funcións”. Esta cuestión foi ignorada por Cividanes na súa resposta, a cal Quinteiro cualificou de “insuficiente” por colocarse a Xunta “de perfil” perante a “complexa problemática” dos traballadores do naval.

Comentar noticia

Your email address will not be published.