Paula Quinteiro esixe á Xunta que aclare se a xestión das novas residencias de maiores será 100% pública

A conselleira de Política Social eludiu a pregunta, dando a entender que apostarán pola vía privada
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Paula Quinteiro esixe á Xunta que aclare se a xestión das novas residencias de maiores será 100% pública

Tras telo preguntado xa en anteriores ocasións, o Grupo Común da Esquerda insistiu esta mañá no Pleno en interrogar a Xunta de Galicia sobre a titularidade da xestión das novas sete residencias de maiores previstas. “Xa se negaron varias veces a responder esta pregunta e queremos claridade. Van ser xestionadas de forma 100% pública, con traballadores e traballadoras públicos da Xunta de Galicia”, preguntou Paula Quinteiro.

A conselleira de Política Social eludiu por completo a pregunta unha vez máis, o que dá a entender que a Xunta apostará de novo pola vía privada, como vén sendo a tendencia durante os anos de goberno do Partido Popular. Galicia, de feito, está á cabeza do Estado en porcentaxe de prazas privadas nas residencias de maiores e dependentes. “O seu modelo privatizador só serve para que as súas empresas amigas fagan negocio, pero non é rendible para as contas públicas. A Xunta paga polas prazas en residencias privadas de maiores un 8% máis que polas públicas. Ademais, garante peor os coidados e precariza máis as traballadoras porque teñen os ratios de persoal e os salarios moito máis baixos”, manifestou a deputada. “Nas residencias xestionadas por grandes multinacionais, cada vez máis concentradas en ‘lobbies’ que fan negocio cos coidados, o que está conseguindo a Xunta é que cada vez se parezan máis a unha cadea de montaxe. Chégase a cronometrar o tempo que as traballadoras pasan en cada habitación para asegurar que non sexa máis do estritamente necesario”, engadiu.

Paula Quinteiro tamén criticou a situación laboral das traballadoras das residencias de xestión pública tras a suspensión do artigo 19 do V Convenio único. “Non poden falar de dereitos dos traballadores porque llos quitaron e están devolvéndolles esmolas, non todos os que teñen recoñecidos no convenio. Non poden ter as traballadoras con estas xornadas interminables, sen descanso”, aseverou Quinteiro. “Para a Xunta é o mesmo un sábado, un domingo, un luns ou un día de vacacións”, engadiu. A deputada abordou tamén a problemática do elevado grao de sinistralidade laboral da Consellería de Política Social, o máis alto de todas as consellerías galegas. “As baixas e as enfermidades danse pola sobrecarga. Moitas traballadoras teñen que tomar analxésicos para aguantar a xornada laboral. Ademais, incúmprese sistematicamente o dereito á conciliación”, denunciou.

Nun contexto de avellentamento poboacional en Galicia, a necesidade de coidados medra de xeito continuo; non obstante, a maioría recaen nas familias e, en especial, nas mulleres, ao desentenderse a Xunta destes coidados. “No ámbito familiar, a realidade que impera é a absorción total da vida das mulleres polos coidados. A maioría adican entre 30 e 69 horas semanais, pero ademais un 30% delas adican 70 ou máis horas, o que supón a práctica totalidade do seu tempo”, apuntou Paula Quinteiro. “Cunha situación coma esta, paréceme alucinante que veña aquí a presumir do servizo de axuda no fogar. A día de hoxe, estes servizos supoñen unha ou, no mellor dos casos, tres horas ao día, o cal contrasta coas 70 horas semanais que as mulleres dedican aos coidados. Non pode seguir recaendo nas mulleres todo este traballo, a maioría das veces levado adiante, ademais, de maneira gratuíta e sen os mínimos dereitos. A axuda no fogar ten que servir para que as mulleres non teñan que adicar toda a súa vida a coidar”, agregou.

A deputada lembrou tamén que a situación de precariedade e explotación non se limita a estas ‘coidadoras informais’, senón que se estende tamén as empregadas dos coidados, que traballan para apenas subsistir con salarios miserentos e apenas dereitos laborais. Reclamou que se recoñezan como tempo de traballo os múltiples desprazamentos que as traballadoras teñen que facer cada día entre casa e casa, que actualmente incluso corren pola súa conta. “Pasan doce horas fóra da casa traballando, pero moito dese tempo non contabiliza na súa xornada laboral”, apuntou finalmente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.