Paula Quinteiro esixe á Xunta que tome medidas para que non se repitan as intoxicacións en escolas

“Este tipo de cousas acontecen porque o único criterio que se segue para dar as concesións das comidas dos nenos e nenas é o económico”
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Paula Quinteiro esixe á Xunta que tome medidas para que non se repitan as intoxicacións en escolas

Esta tarde Paula Quinteiro preguntou á conselleira de Política Social no Pleno do Parlamento que responsabilidades ía asumir a Xunta polas intoxicacións que tiveron lugar en moitas escolas infantís da rede ‘Galiña Azul’, dependentes do Consorcio Galego de Benestar Social, e tamén en diversos centros de ensino de primaria e secundaria.

A resposta da conselleira foi completamente decepcionante, xa que non informou das medidas que se tomarán a medio prazo para evitar que a situación se repita, nin indicou se a empresa responsable vai ser sancionada. Limitouse a referir que se porá en marcha unha investigación para esclarecer os feitos, o cal Quinteiro lamentou na súa quenda de réplica porque a Xunta “sempre se compromete a facer investigacións das que despois nunca dá conta”.

A deputada do Grupo Común da Esquerda tamén preguntou polas ferramentas que ata o de agora se empregaban para controlar as empresas de cátering e polo número de inspeccións realizadas ata a data, pero de novo non recibiu resposta por parte da conselleira. “Desde a Consellería comezan a tomar medidas só despois de que os casos cheguen aos medios de comunicación, pero queda claro que antes non tomaban as precaucións necesarias. Non poden falar de casos illados cando aconteceron tres casos semellantes en varios centros en apenas unhas semanas, e ademais en centros que están separados entre si por centos de quilómetros, desde Cangas do Morrazo ata A Coruña”, criticou Paula Quinteiro.

O modelo de externalización de servizos esenciais para as escolas seguido pola Xunta, en base do cal ademais se outorgan as concesións de comedor ás empresas máis baratas, tamén foi foco das críticas da deputada. “A seguridade alimentaria debe ser unha prioridade absoluta e hai que pór os recursos necesarios para que isto se garanta”, aseverou. Paula Quinteiro tamén denunciou que non se estean a adquirir os produtos alimentarios en establecementos de proximidade, senón que os alimentos que se consumen viaxan centos ou, por veces, miles de quilómetros, o cal supón “unha falta de compromiso coa economía local e a súa dinamización”. Finalmente, Quinteiro tamén criticou que algunhas das familias afectadas se enterasen do acontecido por outras familias ou mesmo pola prensa, no canto de teren recibido unha comunicación oficial por parte da Consellería.

Comentar noticia

Your email address will not be published.